edición
(< lat editĭōne ‘parto’)
-
-
s
f
Impresión ou publicación dunha obra ou escrito.
Ex: A editorial publicou a edición das obras completas do autor. Non se chegou a facer nunha a edición musical da súa obra.
-
s
f
[GRÁF]
Reprodución dunha obra, por medios manuais ou mediante a imprenta, para a súa difusión. Durante a Idade Media, a reprodución realizábase nos mosteiros e, a partir do s XIII, nas universidades, a través do traballo organizado dos copistas. A invención da imprenta incrementou as posibilidades de espallar os textos e ofreceu maiores garantías de transmisión fiel ao orixinal, posto que permitía solventar erros de transcrición.
-
s
f
[GRÁF/PUBLIC]
Conxunto de exemplares dun escrito, sobre todo de libros, impresos nunha mesma tiraxe. Para que se trate dunha nova edición téñense que efectuar cambios no contido ou no deseño da obra, senón trataríase dunha reimpresión.
-
s
f
[GRÁF/PUBLIC]
Conxunto de xornais co mesmo número e referencia do día e do momento de saída.
-
edición abreviada
[FILOL]
Edición dun texto no que se suprimiron ou resumiron fragmentos considerados non esenciais para a comprensión do mesmo.
-
edición ampliada/aumentada
[FILOL]
Edición dunha obra acrecentada con novas materias con respecto á edición anterior.
-
edición anotada/comentada
[FILOL]
Edición que inclúe comentarios destinados a esclarecer ou complementar o texto orixinal do autor.
-
edición autorizada
[FILOL]
Edición que conta coa autorización expresa do autor, ou da persoa que posúe os dereitos editoriais, para diferenciala das edicións clandestinas ou non autorizadas.
-
edición completa
[FILOL]
Edición que comprende todas as obras dun autor.
-
edición crítica/esexética
[FILOL]
Edición que pretende reconstruír a versión dun texto (literario ou documental) máis próxima ao orixinal do autor (autógrafo ou arquetipo), a partir da análise dos testemuños, manuscritos e impresos que o difundiron. Así, empréganse os procedementos da crítica textual, co fin de eliminar as posibles alteracións que o tempo, a historia, os axentes físicos ou o propio acto de transcrición realizado polos copistas, puideron ocasionar nun texto. Se o orixinal dunha obra xa se perdeu ou se conserva con defectos e lagoas, o obxectivo da edición consiste en reconstruír a árbore xenealóxica ou stemma codicum dos diversos textos manuscritos ou impresos conservados, isto é, a procedencia e a orde na que se foron producindo as distintas variantes das copias. Na Idade Media, durante o proceso de transcrición, adoitaban cometerse moitos erros debidos, por exemplo, á distracción do copista, a unha mala lectura do exemplar ou texto que se estaba transcribindo, á falta de competencia lingüística determinada pola distancia cronolóxica, xeográfica ou cultural con respecto á época en que foi escrito, á dificultade conceptual do mesmo texto, á necesidade de adaptalo a un público novo, á vontade do transcritor culto de corrixir ou mellorar o que consideraba defectuoso ou errado, ou mesmo ás supresións e cambios efectuados por mor da censura. A tradición manuscrita dun texto medieval pode consistir nun testemuño único ou nunha pluralidade de testemuños. No primeiro caso, a edición crítica limitarase a transcribilo enmendando só os erros evidentes, prescindindo, xa que logo, dos puntos de comparación imprescindibles que permitan restaurar áreas contaminadas. No segundo caso, a pluralidade permite o cotexamento e a reconstrución a través da análise comparada dunha fase textual máis antiga cós testemuños analizados. A preparación dunha edición crítica esixe a clasificación dos testemuños e a fixación das relacións xenéticas existentes entre eles, que se reflicten graficamente no stemma codicum, a eliminación das copias tiradas de manuscritos dispoñibles (partindo da consideración de que cada copia acrecenta os erros eliminatio codicum descriptorum); a escolla entre as variantes documentadas das que na base do stemma é posible atribuír ao plano máis alto da tradición (selectio); e o exame e a corrección (examinatio, emendatio) do texto, feita ope codicum (empregando o conxunto da tradición) ou ope ingenii (por conxectura ou divinatio). O texto que se presenta nunha edición crítica debe acompañarse dun aparato crítico que indique todas as leccións textuais non escollidas polo editor. Ata o s XVIII a crítica textual inclinábase a instaurar como texto o codex optimus, é dicir, o testemuño mellor conservado, que adoitaba coincidir co codex vetustissimus ou antiquior (o máis antigo e, a maioría das veces, o máis deturpado), e que o editor xulgaba máis fiable. A técnica ecdótica máis empregada pola filoloxía era a emendatio, que consistía en corrixir o texto do codex optimus coa axuda doutros testemuños (emendatio ope codicum) ou por conxectura (emendatio ope ingenii), pero sen establecer unha recensio exhaustiva ou análise das variantes de todos os testemuños e a súa filiación. No s XIX Karl Lachmann estableceu un novo método que se fundamentou na recensio, é dicir, na análise e comparación das variantes que ofrecen os testes para establecer a súa filiación. Deste xeito, partindo dos erros comúns, agruparíanse os testemuños conservados en familias (subarquetipos) e tentaríase implantar o arquetipo (o hipotético manuscrito máis próximo ao orixinal ao que remontaría toda a tradición, xa que non se pode identificar o orixinal con ningún representante daquela) en función das variantes textuais comúns á maioría das familias. Este método aplicado aos textos medievais romances foi discutido polo investigador francés Joseph Bédier, ante a evidencia de que a tradición textual desas obras estaba formada por dúas familias e de que non era posible establecer o criterio lachmanniano da maioría, considerou máis axeitada a técnica humanista de establecer como texto crítico o correspondente ao testemuño máis utilizado coas pertinentes emendas. Modernamente, volvéronse defender os criterios ecdóticos de Lachamnan con algunhas innovacións por parte de Henry Quentin e, sobre todo, dos filólogos italianos, como Giorgio Pasquali e Gianfranco Contini, que non admitían a supresión da perspectiva histórica nas operacións de restitución e interpretación do texto. Exceptuando a tradición manuscrita da poesía lírica, na literatura galego-portuguesa medieval represéntase case sempre por un único testemuño e neste caso o editor debe limitarse a transcribir este texto, analizándoo e emendándoo na base de eventuais tradicións paralelas (por exemplo, recórrese ás tradicións castelás e francesas da crónicas e ás traducións de obras narrativas do ciclo artúrico).
-
edición de bibliófilo
[FILOL]
Edición especial destinada a coleccionistas, impresa en papel de calidade, xeralmente ilustrada, con encadernación coidada, de tiraxe reducida e exemplares numerados e, ás veces, asinados polo autor ou ilustrador.
-
edición de luxo
[FILOL]
Edición impresa en papel de calidade, en formato case sempre grande con marxes amplas, ornada con ilustracións e encadernada con suntuosidade.
-
edición de peto
[FILOL]
Edición de libros de peto.
-
edición de textos
[FILOL]
Publicación de textos literarios, xurídicos, científicos, documentais ou doutro tipo, xeralmente antigos, feitos con intención divulgativa ou ben erudita.
-
edición definitiva
[FILOL]
Edición dun texto considerado establecido de forma definitiva polo autor.
-
edición diplomática/paleográfica
[FILOL]
Edición que reproduce de maneira escrupulosa todas as peculiaridades dun modelo anterior, expresadas por medio de signos convencionais, sen corrixir eventuais erros, e sen introducir puntuación ou trazos inexistentes no texto a editar.
-
edición dixital
[TECNOL]
Publicación dun libro ou de calquera outro documento en formato papel, pero empregando ata o mesmo momento da impresión tecnoloxía dixital, de tal xeito que o arquivo ou arquivos informáticos que se queren converter en texto impreso se envían directamente a unha máquina impresora de gran capacidade. Esta técnica permite eliminar pasos intermedios, como a filmación ou fotocomposición das páxinas, así como facer tiraxes a medida, sen que se incrementen en exceso os custos por unidade aínda que estas sexan reducidas.
-
edición electrónica
[INFORM]
Proceso que consiste en difundir contidos mediante soportes de información dixitais, como CD-ROM, DVD ou Internet.
-
edición extra/especial
[PUBLIC/IMAX]
Edición dun xornal, revista, reportaxe informativa de radio ou televisión dirixida ao público de forma extraordinaria, como consecuencia dun acontecemento inesperado e excepcional.
-
edición facsímile/facsimilar
[FILOL]
Edición dun texto reproducido de maneira fotográfica e que conserva xeralmente as medidas do orixinal.
-
edición moderna/actualizada
[FILOL]
ersión dun texto antigo destinada a un público non especializado, que moderniza a lingua do orixinal en todos os aspectos -gráfico, fonético, morfosintáctico, semántico e tipográfico- para facilitar a súa lectura.
-
edición non venal
[FILOL]
Publicación dunha obra sen finalidade comercial. Regálase, a miúdo, para conmemorar algún evento.
-
edición orixinal
[FILOL]
Primeira edición en volume dunha obra que se fai co consentimento ou aprobación do autor.
-
edición princeps/príncipe
[FILOL]
Primeira edición dunha obra, en especial a primeira edición dun clásico, dun autor medieval, impresa no s XV ou na primeira metade do s XVI (fronte á locución primeira edición ou edición orixinal para as outras obras).
-
s
f
-
s
f
[COMUN]
Preparación de materiais visuais e sonoros para compoñer un programa que se poida emitir.
Ex: Souberon a nova durante a edición do telexornal.
-
s
f
Manifestación cultural, festiva, deportiva ou doutro tipo que ten lugar cunha periodicidade determinada para celebrar algo.
Ex: Este ano levouse a cabo a terceira edición dos Xogos Florais.
-
contrato de edición
[DER]
Convenio segundo o que o autor dunha obra subsceptible de propiedade intelectual ou os seus herdeiros, cede os dereitos de reprodución, publicación e comercialización, a unha persoa, denominada editor. Este asume os custos e os riscos e abónalle a cambio a compensación económica pactada, que pode ser fixa ou en proporción ás vendas acadadas.
-
edición musical
[MÚS]
Publicación de composicións musicais. Os primeiros editores de música xurdiron coa tipografía musical. No s XVIII apareceu en Leipzig a editorial Breitkopf & Härtel. En Viena, Artaria (1778 - 1932) editou a maior parte da obra de Gluck, Haydn, Mozart e Beethoven. Destacan tamén Ricordi e Compagnia (1808) de Milán, Ditson (1835) de Boston e, en Madrid, a Unión Musical Española (1900).