editor -ra

editor -ra

(

  1. adx

    Que edita.

    Ex: A empresa editora presentou os novos libros de texto ante a prensa.

  2. s [PUBLIC]

    Persoa que se encarga da edición de libros, xornais, discos ou dunha obra similar. A figura do editor como tal naceu paralela á produción de libros, co aproveitamento da tecnoloxía proporcionada pola imprenta a partir do s XV. Malia que na Antigüidade Clásica e na Idade Media se poden atopar precedentes de persoas e institucións públicas ou privadas que exercían o labor de mecenas, sufragando a produción de libros, o certo é que non foi ata o Renacemento cando xurdiu a figura do editor. Na súa orixe era un home de letras ou erudito que se encargaba de dar a coñecer unha obra inédita doutro autor ou ben proporcionaba estudios e comentarios a outra xa difundida ou publicada. Mentres en Exipto cómpre salientar a dinastía dos Ptolomeos, fundadores da biblioteca de Alexandría, en Roma destacou a figura de Tácito Marco Claudio, difusor da obra do seu antepasado, o historiador Tácito. Historicamente, a evolución do labor dos editores foi sempre proporcional aos avances que se produciron na publicación dos libros, e case sempre coincidiu con persoas ou entidades preocupadas pola difusión da cultura a distintos niveis, e cun poder económico que lles permitía asumir os cuantiosos gastos da edición das obras. Se nun principio foron algúns membros da oligarquía grega e os patricios romanos os que asumiron ese papel de mecenado, substituídos posteriormente polos mosteiros e as primeiras universidades, non foi ata a aparición de homes como o veneciano Aldo Manuzio ou a familia Estienne, que se concretou a figura e a función do editor. En Italia cómpre subliñar as familias Giunta, Giditis e Griffo, e en Francia os Stefano. No s XV, destacaron como editores de obras clásicas Leonardo Bruni, Ambrosio Traversari, Gasparino de Barzizza, Granozzo e Wolb. Á marxe do labor de financiamento, cómpre salientar os traballos de corrección e revisión que exerceron numerosos intelectuais ligados á edición dos libros; entre eles, pódense subliñar os nomes de Pietro Bembo, Erasmo de Rotterdam, Guillaume Budé e Antonio de Nebrija. Coa invención dos primeiros obradoiros tipográficos e a industrialización da produción dos libros, a partir do invento da primeira imprenta de Johannes Gutenberg e Peter Schöffer, creceu a colaboración entre homes de negocios e financeiros coas persoas que se encargaban directamente da edición. Os primeiros proporcionaban recursos económicos para a compra masiva de papel e ferramentas tipográficas, mentres os segundos asumían o labor de revisión das probas e se encargaban de contratar o tipógrafo que dirixía o traballo das máquinas. A finais do s XVII coincidiron as figuras de editor e libreiro; este último, amais da súa participación na produción dos libros, encargábase da compra masiva de libros para a súa distribución e venda. Por outra banda, entre os editores que tamén compaxinaban o seu traballo co de tipógrafos cómpre salientar os humanistas Aldo Manuzio, Robert Estienne e Geoffroy Tory, e os barrocos Christophe Plantin e Lodewijk Elzevir. En España, xa no s XVIII, destacaron Manuel Ibarra e Antonio de Sancha. Outros editores relevantes a nivel mundial foron: Niebuhr, responsable do Corpus scriptorum historiae bizantinae, Jacobs e Rost, editores da Biblia en grego, Didot, Tauchnitz, que deu ao prelo o Corpus poetarum graecorum, Hase, Dindorf, Hermann, Zimmermann, Schaefer, Meyer, Monk, Bekker, Stallbaum e Scheider. Co inicio do s XIX e a mellora dos obradoiros de tipografía, que desenvolveron a súa máxima actividade grazas á Revolución Industrial, á promoción da lectura e ao crecente número de xornais, conformouse a imaxe do editor tal e como se coñece modernamente. Este, logo dun acordo e contrato co autor, comprometíase a editar a súa obra e darlle a difusión correspondente no mercado. A magnitude do exercicio de edición incrementouse de tal xeito que, co tempo, limitou en gran medida o traballo que realizaba o editor. As súas funcións céntranse, fundamentalmente, na selección de orixinais, na asignación de coleccións a cada título, na realización de presentacións e promocións dos libros e na coordinación xeral dos distintos departamentos dunha editorial. No s XX sobresae o labor desenvolvido por editores como Giacomo de Agostini en Italia, editor da empresa do mesmo nome, José Manuel Lara Hernández en España, fundador da editorial Planeta, e Jason Epstein, nos EE UU. O importante incremento no número de editores a nivel mundial contribuíu a afianzar o sector e a súa organización. Neste sentido, cómpre subliñar as asociacións e federacións de editores que desenvolven un traballo de coordinación, agrupadas baixo as siglas da Unión Internacional de Editores (UIE). En España, a Federación de Gremios de Editores representa o colectivo de empresarios deste sector no ámbito internacional como integrante, ademais, da Federación de Editores Europeos, con sede en Bruxelas. Por outra banda, tamén mantén contactos co Grupo Interamericano de Editores (GIE), representante das cámaras do libro latinoamericanas, e co Centro Regional para el Fomento del Libro en América Latina y el Caribe (CERLALC). Dende estas institucións, téntase defender os dereitos dos autores e dos propios editores diante da reprodución ilegal e da piratería que, co aproveitamento de sistemas como a Internet, se estenden en todo o mundo editorial. Tamén no apartado da representación internacional dos editores é importante o labor da Asociación Europea para a Formación Profesional de Editores e Libreiros (ABPTOE), que se encarga do estudio e formación de novas técnicas susceptibles de aplicar na edición polos editores, así como da comercialización e a distribución dos libros. Entre algunhas das asociacións de editores que existen no plano mundial están, entre outras, a European Association of Science Editors, a International Publishers Association (IPA), a International Association of Scientific, Technical and Medical Publishers (STM), a Börsenverein des Deutschen Buchhandel en Alemaña, a Cámara Argentina del Libro, a Australian Publishers Association (APA), a Association of American Publishers, Inc (AAP) de EE UU, o Syndicat National de l’Edition en Francia, a Associazione Italiana Editori, a Cámara Nacional de la Industria Editorial de México e The Publishers Association no Reino Unido. Nos comezos do s XXI estendeuse o labor dos editores á rede Internet, dende onde promocionan, distribúen e venden os seus títulos. As principais compañías de vendas de libros na rede son Borders Books & Music e Amazon.com en EE UU, Alapage e FNAC en Francia, Bertelsmann Online (BOL) en Alemaña, Holanda, Reino Unido e Suíza, e Internet Bookshop en Italia. No ámbito político, a UE, a través do seu programa Cultura 2000, do programa de apoio Ariadna e do European Union Publischer’s Forum, tenta establecer vínculos de colaboración entre os editores e as institucións europeas para mellorar o acceso á información relacionada con Europa. En canto aos dereitos de propiedade intelectual do editor, que se desenvolven paralelamente aos do propio autor, destaca en España o traballo de xestión colectiva deseñado por CEDRO para a protección e difusión destes dereitos, que se poden resumir en: dereito exclusivo de reprodución, de comunicación e de control de acceso á información ou á obra editada. Ante a demanda crecente de material e traballos en soporte dixital por parte dos usuarios do libro, os editores tentan eliminar os máximos obstáculos posibles para o acceso a esta información e, á súa vez, procuran dotarse dunha lexislación específica que protexa os seus dereitos. O carácter global e a ausencia de fronteiras na sociedade da información que se está a desenvolver en todos os países, presentan a necesidade de normativas que protexan os dereitos do editor de forma homoxénea e universal. Neste sentido traballan a maior parte das federacións e asociacións antes mencionadas. En Galicia, os editores, representados a través da Asociación Galega de Editores, móvense nun mercado en lingua galega no que se tiran do prelo máis de mil títulos novos cada ano. Dende principios do s XIX, os editores galegos vinculáronse ao mundo xornalístico; así, apareceron numerosos xornalistas que foron á vez fundadores e directores, ás veces incluso redactores, da abundante prensa da época. Cómpre salientar os nomes de Francisco Mª de la Iglesia, editor do Diario de Galicia; Waldo Álvarez Insua, fundador de El Eco de Galicia en Cuba; Manuel Portela Valladares, propietario de El Pueblo Gallego; Anxo de Lema e Marina, fundador do Faro de Vigo; Miguel Fernández Dios, que tirou do prelo o bisemanario La Concordia; os irmáns Alexandre e Ricardo Outeiriño, editores do xornal ourensán La Región; a familia De Cora, fundadora de El Progreso de Lugo; Feliciano Barrera, editor dos xornais El Correo Gallego e O Correo Galego; e a familia Rey Fernández-Latorre, creadora de La Voz de Galicia, da Biblioteca Gallega e da corporación homónima. Á par destes editores, xurdiron outros intelectuais preocupados pola edición de obras de diversos xéneros, como Andrés Martínez Salazar, fundador da Biblioteca Gallega xunto con Xoán Fernández Latorre; Ramón Villar Ponte, un dos promotores da Editorial Céltiga; Ánxel Casal e Leandro Carré Alvarellos, fundadores da Editorial Lar; Juan Sáenz-Díez García, promotor da Editorial Compostela; Xaime Isla Couto, Francisco Fernández del Riego e outros, cofundadores da Editorial Galaxia; os irmáns Xosé María e Álvaro Álvarez Blázquez, creadores do selo editorial Castrelos; Luís Seoane, promotor da Editorial Citania; Xosé Roxelio Otero Espasandín, quen participou no proxecto da Editorial Atlántida en Bos Aires; Isaac Díaz Pardo, creador de Ediciós do Castro; Bieito Ledo Cabido, fundador de Ir Indo Edicións; Xulián Maure, creador de Edicións Xerais de Galicia; Olegario Sotelo Blanco, propietario de Sotelo Blanco Edicións; Carlos Blanco Yáñez, fundador de Edicións do Cumio; Miguel Anxo Fernán-Vello, promotor de Edicións Espiral Maior; Francisco Macías, creador de Edicións Positivas; Francisco Rodríguez Iglesias, fundador de Hércules de Ediciones; e Carlos del Pulgar, editor de Nova Galicia.

  3. s [FILOL]

    Persoa que se encarga de revisar con criterios críticos e filolóxicos un texto para publicalo.

  4. s [COMUN]

    Persoa responsable da realización e emisión dun programa televisivo ou de radio.

  5. s m [INFORM]

    Aplicación que permite ver na pantalla dun ordenador os contidos de determinados arquivos e modificalos ou crear outros novos se se desexa.

  6. editor de estampas [ARTE]

    Persoa encargada da publicación das estampas, dos gastos da súa tiraxe e da súa administración comercial. Xurdiu no Renacemento, aínda que non se consolidou ata o s XIX como un empresario capitalista que contrataba un artesán para que fixese os gravados que el lle solicitaba, sobre todo reproducións de obras de arte, por ser estas as máis rendibles economicamente. Nas estampas antigas mencionábase co termo excudit.

  7. editor responsable

    En determinadas lexislacións, en España entre os anos 1834 e 1868, responsable do contido dos xornais políticos.