editorial
(< editar)
-
adx
Relativo ou pertencente á edición.
-
s
f
[GRÁF]
Empresa que ten como finalidade a selección, reprodución e venda de textos, xeralmente a través da súa impresión. Xa no Exipto dos Ptolomeos e na Grecia e Roma clásicas se realizaba unha actividade editorial importante. Posiblemente, en Grecia foi onde comezou a venda ou aluguer de obras literarias, co labor realizado polos discípulos de Platón; amais, Atenas exerceu como capital literaria e centro produtor de papiros e pergameos, á que acompañou Alexandría, un dos maiores mercados de libros do mundo e posuidora da biblioteca máis importante en canto a número de libros da Antigüidade. Como mostra do avance editorial en Roma, cómpre salientar edicións de máis de 5.000 exemplares de manuscritos coloreados, un traballo pagado por patricios amantes da literatura e que realizaban escravos cunha determinada cualificación, coñecedores das letras e cunha escrita fiable e comprensible. En Oriente, concretamente en China, a consolidación do Imperio coa dinastía Ch’in, no ano 221 a C, favoreceu a creación dun mercado a grande escala do libro. A invención do papel no 105 d C e a relixión budista contribuíron a que se incrementase o traballo editorial; por unha banda o papel era máis resistente e económico có papiro e o pergameo; pola outra, a necesidade dos monxes budistas por copiar as oracións e os documentos sagrados fixeron que se avanzase no proceso, incluso nas propias técnicas de impresión con rapidez e economía de recursos. No ano 800 floreceu un interesante mercado literario en Bagdad. En Occidente, a partir do Baixo Imperio Romano e, sobre todo, na Alta Idade Media, os copistas estiveron ao servizo dos mosteiros, dos nobres ou dos soberanos, que eran practicamente os únicos beneficiarios das obras que se escribían. A difusión da imprenta dende o ano 1450 da man de Johann Gutenberg, aproveitada polas universidades que comezaban a xurdir en Europa, significou unha verdadeira revolución. Dende eses anos, o libro adquiriu de novo interese comercial e moitas das edicións se esgotaron en días. Algúns destes primeiros impresores foron á vez editores e libreiros das obras que producían. Cómpre sinalar que entre 1450 e 1500 se imprimiron máis de 6.000 obras diferentes. Neses anos editáronse, fundamentalmente, biblias, libros relixiosos, salterios e misais no N de Europa, e libros profanos de autores clásicos gregos e romanos en Italia. Entre as editoriais máis destacadas destes anos cómpre salientar as dirixidas por Johann Fust, socio de Gutenberg, Peter Schöffer e Johann Froben en Alemaña, Aldo Manuzio en Venecia e William Caxton en Londres. A aparición dos obradoiros tipográficos mellorou tamén a calidade das edicións que se vendían ao lector, ben pola mellor comprensibilidade dos textos, ben polas ilustracións e imaxes, gravadas sobre pranchas de ferro ou madeira, que apareceron reproducidas. A verdadeira función editorial non xurdiu, sen embargo, ata finais do s XVIII coa nova lexislación sobre dereitos de autor aparecida en Inglaterra en 1709, que fixo desaparecer o antigo monopolio dos impresores. Aínda así, pódense considerar os obradoiros tipográficos como os verdadeiros precursores das modernas editoriais. No s XIX, o romanticismo e a aparición da novela popular favoreceron a orixe de moitas das grandes empresas de edición. Coa irrupción no mercado editorial da prensa cilíndrica, un invento patentado en Francia, revolucionouse novamente o comercio de libros. Á rapidez da impresión de libros e revistas a grande escala, hai que engadir o abaratamento dos custos finais das edicións. En 1840 comezou a venda de libros en rústica, moi populares durante a Guerra de Secesión en EE UU, e a finais do s XIX xa se podía considerar como unha das fontes de ingresos máis importantes para as editoriais de todo o mundo. Durante eses anos, as empresas editoras foron especializándose na publicación de obras determinadas, e comezou a división entre a edición, a distribución e a venda a particulares, mentres estas dúas últimas se facían independentes da primeira. Ao longo do s XX a industria editorial creceu extraordinariamente. As asociacións de libreiros máis importantes aproveitaron o negocio da distribución para vender libros por correo mediante subscricións. Malia que non se abandonou a edición de libros en cuberta dura, si é destacable o avance de publicacións editadas en rústica, sobre todo trala Segunda Guerra Mundial, que favoreceron o comercio internacional. Nos anos oitenta do s XX, máis do 70% do fondo das librerías conformábano edicións en rústica. A principios do s XXI, a porcentaxe de novelas de ficción ou históricas chegaba ao 25% do total de libros publicados e, xunto cos textos educativos e cientifico-técnicos, suman a maior parte da produción das editoriais. A extensión do comercio do libro aos hipermercados e grandes centros comerciais favoreceu o desenvolvemento dunha industria que realiza edicións con destino a un mercado masivo que, nalgúns casos, como poden ser as obras premiadas ou dun autor recoñecido, poden superar en varios millóns o número de exemplares vendidos. Os medios de comunicación de masas favorecen este comercio e eles mesmos promocionan algunhas obras editadas baixo o seu patrocinio. A participación dos medios de comunicación no mundo das editoriais e viceversa contribúe a conformar grandes consorcios e grupos de comunicación que controlan diversas esferas económicas relacionadas coa cultura. É o caso de Bertelsmann en Alemaña, o grupo L’Espresso en Italia, o New York Times en EE UU, ou a Promotora de Informaciones SA (PRISA) en España. Entre as empresas editoriais españolas con máis tradición, cómpre salientar Espasa-Calpe, Planeta e Salvat. Nos últimos anos, os grupos editoriais Anaya SA, SM, Edelvives e Santillana, especializados na edición de libros de texto, veñen copando o mercado educativo, malia que algunhas editoras estranxeiras como Oxford ou Cambridge tentan establecerse como alternativas, ofrecendo produtos, á marxe da lingua inglesa, que poidan competir no mesmo mercado. No que se refire ás empresas editoras dos medios de comunicación escritos, que tamén contan con participacións no sector audiovisual, cómpre subliñar Promotora de Informaciones SA (PRISA), Grupo Correo de Comunicación SA, Recoletos Grupo de Comunicación SA e Prensa Española SA. As principais asociacións do sector editorial son a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), a Federación de Asociaciones Nacionales de Distribuidores de Ediciones (FANDE), a Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL), a Federación Española de Cámaras del Libro (FEDECALI), a Asociación de Editoriales Universitarias Españolas (AEUE), o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a Sociedad General de Autores y Editores (SGAE). Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Catalunya, Madrid, Andalucía, a Comunitat Valenciana, Euskadi, Castela e León e Galicia, son as comunidades españolas con maior número de títulos publicados (2000). Dos informes facilitados polo devandito Instituto, pódese concluír que máis do 65% dos títulos editados en España corresponden a Catalunya e Madrid; que as primeiras edicións e reedicións están a incrementarse anualmente, en detrimento das reimpresións; que máis dun 78% dos libros están en castelán, mentres que en catalán representan un 11,9%, en galego un 1,9% e en éuscaro un 1,8%. Tamén no ano 2000, España incrementou a súa produción editorial ata chegar a máis de 62.000 títulos, malia que diminuíu a tiraxe por cada un deles. No que se refire aos contidos, case un 30% está relacionado co eido literario en forma de novela, poesía ou teatro. Doutros campos cómpre destacar os relacionados coas ciencias sociais, as biografías e os libros tecnolóxicos e científicos. A produción de literatura infantil e xuvenil, da que a metade son traducións doutras linguas, supuxo nos anos 1998 e 1999 o 10% do total de libros editados no Estado. En canto a cifras globais, as editoriais españolas produciron no 2000 case 250 millóns de exemplares, cun valor de vendas no mercado interior que supera os 2.400 millóns de euros. En Galicia, as primeiras editoriais xurdiron no s XIX, ao mesmo tempo que apareceu a conciencia galeguista. Desa época destacan a Biblioteca Gallega de Andrés Martínez Salazar e a Librería Regional de Uxío Carré Aldao, que desapareceu en 1909. A partir de aí, nos primeiros anos do s XX, só se editou algún libro ocasionalmente. O labor editorial reduciuse aos folletíns dos xornais. Os proxectos editoriais volveron aparecer na década dos 20, vinculados de maneira xeral á publicación de novelas curtas. Nesta época cómpre destacar a colección Terra a Nosa, do xornal El Noroeste da Coruña; a revista Ronsel de Lugo; Alborada de Pontevedra; Céltiga en Ferrol e Lar na Coruña, antecedentes da editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal en Santiago de Compostela e A Coruña, referente e principal editorial galega anterior á Guerra Civil española. Con Nós tiráronse do prelo novelas longas, que quedaran esquecidas ata ese momento. Coa chegada da contenda civil, as actividades editoriais son tamén víctimas da represión. O labor cultural desprázase a América. Alí apareceron Galicia, Nova, Citania, Resol, Nós, entre outras, editoriais que se dedicaron a reeditar textos de autores clásicos galegos e imprimir algunhas primeiras edicións. Esta situación variou en 1950, data na que xurdiu a Editorial Galaxia en Vigo, que amais do labor editor que principiou, foi un gran acontecemento e referente polo que supuxo de pulo para a cultura galega. Con Galaxia saíron á luz diferentes coleccións onde publicaron as súas obras os poetas e novelistas da época. Creou a revista Grial no ano 1951, que foi censurada e que non volveu aparecer ata 1963, co subtítulo de “Revista Galega de Cultura”. A Editorial Galaxia posúe o fondo bibliográfico máis importante do mundo editorial galego. A partir de 1975 aumentou a actividade editorial galega e comezaron a xurdir novas empresas; é o caso de Ediciós do Castro (1963), Edicións Castrelos (1964), Edicións Xerais de Galicia (1979), Sotelo Blanco Edicións (1981) e Ir Indo Edicións (1985), ás que seguiron Nova Galicia Edicións (1984), Vía Láctea Editorial, Hércules de Ediciones (1985), Edicións do Cumio (1988),, Edicións Espiral Maior (1991), Kalandraka Editora (1998), etc. Á marxe dos organismos públicos, no ano 2002 funcionaban en Galicia máis de cincuenta empresas editoras privadas. No eido dos medios de comunicación destacan a editora La Capital SL, a Corporación Voz de Galicia, Rías Baixas Comunicación SA, o grupo El Progreso, a Editorial Compostela SA e a Editorial Prensa Ibérica. Entre os proxectos editoriais máis importantes de principios do s XXI en Galicia, cómpre sinalar o Proxecto Galicia de Hércules de Ediciones, Artistas Galegos de Nova Galicia e a Enciclopedia Galega Universal (EGU), publicada por Ir Indo Edicións.
-
s
m
[PUBLIC]
Artigo de fondo dun xornal no que se comenta un tema de actualidade. Publícase nun lugar destacado sen sinatura, porque representa o posicionamento ideolóxico e político do equipo redactor.