Editorial Citania

Editorial Citania

Empresa editorial establecida en Bos Aires no ano 1957. Rematou o seu traballo de edición en 1959. Fundada por Luís Seoane e Diego Díaz Dorado, aos que posteriormente se uniron Antonio Baltar, Perfecto López e Manuel Martínez Lamela, pretendeu difundir a cultura e a lingua de Galicia, apoiando o labor realizado por diversos escritores e artistas establecidos fóra do país. As obras incluídas no seu catálogo xeral dividíronse en catro coleccións. A denominada “Mestre Mateo”, iniciouse co libro de teatro Midas. O ángulo da pedra, de Isaac Díaz Pardo; na colección “Martín Sarmiento” editáronse diversos ensaios técnicos e económicos e na titulada “Herba de namorar” tiráronse do prelo obras de poesía. A cuarta das coleccións denominouse “Idacio”.