Edmont, Edmond

Edmont, Edmond

Dialectólogo, escritor e etnólogo francés. Malia non ser lingüista de profesión, senón comerciante, estivo sempre moi interesado polo estudo dos dialectos e da cultura popular, especialmente do seu lugar natal. Froito deste interese foi o seu voluminoso Lexique Saint-Polois, publicado parcialmente (do A ao G) na Revue des patois gallo-romans (1887) e despois en Saint-Pol, en 1897, no que recolleu milleiros de voces picardas. Dese traballo arrincan as relacións entre E. Edmont e Jules Gilliéron, quen lle propuxo realizar a investigación sobre o terreo do Atlas Linguistique de la France (ALF, 10 vols, 1902-1910), obra da que foi director e que supuxo o inicio dunha nova corrente metodolóxica dentro da lingüística: a xeografía lingüística ou xeolingüística, consistente no estudo cartográfico das falas vivas. E. Edmont posuía un oído moi fino, que lle permitía transcribir fielmente a realidade oral, e era un profundo coñecedor da vida e da psicoloxía populares. Por outro lado, o feito de carecer dunha preparación científica garantía, en opinión de J. Gilliéron, a máxima obxectividade nas transcricións fonéticas. Percorreu as 639 localidades que constituían a rede de puntos do ALF durante catro anos e medio (1897-1901), e correspondeulle a el a selección dos informantes. Xunto con J. Gilliéron elaborou tamén posteriormente o Atlas Linguistique de la France. Corse (4 vols, 1914-1915), para o que recolleu o material en 45 puntos da illa entre 1911-1912, aínda que dos dez volumes previstos para a obra, só apareceron catro. E. Edmont publicou igualmente poemas e contos en picardo, así como outros traballos relacionados coa historia e a cultura de Saint-Pol.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : Ternoise, Pas

  • Deceso

    Lugar : Calais

  • Deceso