dálmata
(
-
adx
Relativo ou pertencente a Dalmacia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Dalmacia.
-
s
m
[LING]
Lingua románica xa extinguida, que se falou entre o Quarnero e Butua (Budva), na costa oriental do Adriático (aproximadamente na provincia romana de Dalmacia).
Evolución histórica
Falouse fundamentalmente nunha serie de vilas costeiras e insulares diseminadas por un amplo territorio (Veglia, en croata Krk; Ossero - Osor, Arbe - Rab, Zara - Zadar, Traù - Trogir, Spalato - Split, Ragusa - Dubrovnik, Cattaro - Kotor; hai poucos datos sobre Budua - Budva, Antìvari - Bar e Dulcigno - Ulcinj) e hoxe pertencentes na súa maioría a Croacia. Nelas o dálmata foise extinguindo en diferentes momentos, segundo as datas da eslavización e da dominación véneta, procesos que determinaron igualmente as diferencias considerables existentes entre os principais dialectos. Se na illa de Veglia o dálmata conseguiu sobrevivir nas clases populares ata finais do s XIX, en Ragusa acabou reducido ao ámbito da aristocracia ata extinguirse a finais do s XV, a causa da croatización definitiva da cidade, iniciada tres séculos antes. Previamente, Ragusa coñecera unha ocupación veneciana (1205-1358), coincidindo coa época de maior esplendor véneto. A illa de Veglia, en cambio, pasou á administración véneta nunha época de decadencia da mesma (1480-1797), feito que permitiu que o dálmata perdurase alí máis tempo (pola contra, a influencia eslava comezara antes que en Ragusa). Ademais, nin para o raguseo nin para o vegliota existiron centros culturais e/ou económicos capaces de sustentar o emprego do idioma local. Outro factor que puido favorecer a desaparición do dálmata foi a súa semellanza co veneciano. O número de falantes non debeu de sobrepasar os cincuenta mil no momento de maior apoxeo. Aínda que non se pode delimitar con claridade a posición do dálmata entre as linguas románicas, incluída a cuestión de se o latín de Dalmacia desembocou nunha soa lingua ou en máis dunha, tradicionalmente, situouse dentro da Romania oriental. Algúns romanistas intégrano no grupo balcanorromance; outros, nun grupo iliriorromance, atendendo ao substrato ilirio. Tamén adoita considerarse unha lingua de transición entre o balcanorromance e o italorromance. Ž. Muljačić (1965) outorgoulle unha posición autónoma dentro da Romania continua e M. Doria (1988), dependendo dos fenómenos lingüísticos, defendeu unha maior concordancia coa Romania continua ou coa Italia centromeridional que co romanés. Tampouco parece ter moitas concordancias co friulano, máis alá de certas coincidencias léxicas. As similitudes, tanto co romanés coma co sardo e cos dialectos italianos meridionais, virían polos trazos conservadores, que en boa medida se explicarían pola súa posición marxinal e polo seu illamento histórico respecto do resto da Romania. Disponse de escasas fontes para o estudo do dálmata, que non tivo forma literaria. Fóra dos préstamos que deixou no véneto, no croata e no serbio e da toponimia da rexión, existen algúns textos medievais e posteriores escritos noutras linguas (latín, italiano, croata), especialmente de carácter xurídico e notarial, que reflicten trazos dálmatas. Detéctanse así mesmo dalmatismos en antigos textos literarios croatas. Filippo de Diversis da Luca, mestre de latín en Ragusa, achegou tamén algunha noticia sobre o raguseo do s XV. Outros textos, como a carta zaratina de Todru de Fomat (1325), considerada a miúdo, xunto con outra do 1397, como o texto máis antigo escrito enteiramente en dálmata, mostrarían máis ben un italiano ou un veneciano con numerosos dalmatismos. O vegliota é a única variedade dálmata para a que se dispón de textos, feito que posibilitou a súa descrición aproximada nos diferentes niveis lingüísticos, xunto coa información que lle proporcionou a M. G. Bartoli o último falante de vegliota, Tuone Udaina, Burbur, morto en 1898, e que aquel plasmou na súa obra Das Dalmatische (1906), primeira sobre esta lingua. De aí que se tenda a identificar os trazos do vegliota cos do dálmata en xeral. A esta variedade corresponden as características sinaladas a continuación.
Características lingüísticas
Fonética e fonoloxía
Posúe un vocalismo bastante innovador e máis próximo ao dalgúns romances occidentais, mentres que o consonantismo se achega máis ao dos romances orientais.
-Sistema fonolóxico composto de cinco vocais /i/ /e/ /a/ /o/ /u/ e vinte e dúas consoantes, das que seis eran fonemas novos: /ts/ /dz/ /tÙʃ/ /ʤÙ / /ʎ/ //.
-Ditongación de /ε/ e /ɔ/ tónicos, en sílaba libre e trabada. Os ditongos resultantes *je, *wo monotongaron en /i/, /u/ en sílaba libre e abríronse en /ja/, /wa/ en sílaba trabada (lat PĔTRA > pítra, FŎCU > fuk, FĔSTA > fiásta, MŎRTE > muárt, seguindo a grafía de Bartoli con algunha adaptación).
-O /a/ tónico protorromance confundiuse co /ɔ/ , polo que deu lugar aos mesmos resultados (lat CAPUT > kup, FALSU > fuáls), aínda que tamén existen algúns arcaísmos con /wo/.
-Ditongación descendente de /e/ e /o/ tónicos en sílaba libre (CĒNA > káina, PĬRA > páira, NĔPŌTE > nepáut], CRŬCE > kráuk). A fusión de Ō, Ŭ tónicos > /o/ afasta o vocalismo vegliota do romanés.
-En sílaba trabada, /e/ tónico > /á/, /o/ tónico > /u/ (CRĒSCĔRE > kráskro, PĬSCE > pask, FŌRMA > fúrma, BŬCCA > búka).
-Ditongación do /i/ tónico protorromance en /aj/ en sílaba aberta (AMĪCU > amáik). O mesmo fonema deu /e/ en sílaba trabada (MĪLLE > mel).
-O /u/ tónico protorromance en sílaba libre deu lugar ao ditongo descendente /oj/ (DŪRU > dóir). En sílaba cerrada, o mesmo fonema deu /o/ (EXSŪCTU > sot).
-Conservación do ditongo AU (PAUCU > páuk), como en romanés (en raguseo /av/ > /ɔ/, /wɔ/).
-Síncope frecuente en posición pretónica e xeral na intertónica (DŪRACĬNUS > drúkno, DĪCĔRE > dékro).
-Conservación do /a/ átono (ACĒTU > akáit) e caída das vocais átonas finais distintas de -a, -i < -Ī, -ĒS, -ĀS, compartida en gran medida polo raguseo (MALE > mul, DĪCO > dáik, LŎCU > luk).
-Conservación das oclusivas xordas intervocálicas (RĪPA > ráipa, PACĀRE > pakúr).
-Palatalización de /k/ e /g/ diante de /u/, en sílaba aberta (o que supón un fonema /y/), así como diante de /ε/ e /i/ (CĔNTU > [‘tÙʃant], *VĬCĪNU > [vi’tÙʃajn], CŪLU > [‘tÙʃojl], GĔNTE > [‘dsignoant]).
-Conservación dos grupos de consoante + /l/ (PLĒNU > pláin, FLŪMEN > flóim, CLAVE > kluf, BLASPHĒMĀRE > blasmúr, GLACIE > glas), parcialmente semellante no raguseo.
-Inexistencia de xeminadas, que comparte co romanés e con parte da Romania continua, pero non co italiano centromeridional (SĔLLA > siála). Tamén se deu no raguseo.
-Conservación dos grupos -PT- e -MN- (SĔPTEM > siápto, DAMNU > dámno).
-O grupo -KT- conservouse durante moito tempo pero acabou por reducirse a /t/ por influencia véneta (LĔCTU > liát), fronte ao romanés.
Morfoloxía e sintaxe
Presenta trazos flexionais sintéticos bastante marcados, sobre todo na flexión verbal, mentres que na nominal se aprecia unha maior tendencia á analiticidade.
-Tendencia a restrinxir a flexión nominal, eliminando a distinción entre masc e fem, sing e pl, e renunciando ao mecanismo da concordancia. A flexión nominal de número, sempre sen -s, pode basearse nunha oposición entre sing non marcado e pl marcado, ou ben sing e pl poden neutralizarse no morfo non marcado, de maneira que a notación do pl se realiza por outros medios. Calquera palabra pode presentar un ou outro tipo de flexión: kráuk ‘cruz’, pl. (le) kráuk ou kráuke. Nas palabras femininas en -a tamén se pode optar por unha forma con desinencia cero: puárta/puárt ‘porta’.
-Formación do superlativo e do comparativo fundamentalmente por medios analíticos.
-Uso frecuente do posesivo enclítico: frútro-su ‘seu irmán’, coma no italiano meridional; o posesivo pode ir incluso diante e detrás do nome: ma niéna mája ‘miña nai’.
-Existencia dun reflexivo se válido para todas as persoas, quizá por influencia veneciana, así como dunha forma *MĒNE > máin, acusativo do pronome persoal da 1ª p sing.
-Conservación das catro conxugacións: -ĀRE > -úr (-uár, -uór) (kenúr ‘cear’), -ĒRE > -ár (avár ‘haber’), -ĔRE > -ro (-r•) (rédro ‘rir’), -ĪRE > -ér (-áir) (dormér ‘durmir’).
-Aparición do infixo -ej- > -aj- nalgunhas formas do presente de indicativo e do imperativo, así como en todo o subxuntivo nos verbos das catro conxugacións: paskolájo, fakája. Semellante é a situación en raguseo co infixo -esk- (constituesco).
-Conservación das formas de futuro e condicional simples procedentes de CANTĀVĔRŌ > kantúra, kantuóra, CANTĀVĔRĂM, CANTĀVĔRIM > kantúra, kantúre en lugar das perífrases do tipo CANTĀRE HĂBĔŌ, CANTARE HABĒBAM/HĂBŬĪ.
-Emprego de HABĒRE como auxiliar dos verbos intransitivos e reflexivos: el mi tuóta si o amaluót ‘meu pai enfermou’.
-Abandono do pasado remoto en favor do próximo (trazo no que se diferenza dos dialectos italianos centromeridionais).
-Ausencia de preposición no acusativo, feito que reforza a orde de palabras SUX-V-OBX.
Léxico
-Conservación dalgunhas palabras desaparecidas na maior parte das linguas románicas, unhas veces compartidas co romanés e con algúns dialectos italianos, outras co friulano (o préstamo oligan ‘lura’ no croata, parece ser un dos escasos representantes de LOLLIGĬNE). Algunhas innovacións semánticas do vegliota son únicas dentro da Romania (MANSIŌNE > mosáuna ‘curro, mallada’).
-Perda de voces latinas que subsisten en moitas linguas románicas (concorda ás veces co romanés): PATER foi substituído por TATA (tuóta, túta), FRĪGĬDUS por GĔLĀTUS (gelút), GRANDIS por MĀIOR (máur/maúr).
-Formas redundantes: cup/tiásta ‘cabeza’, juálb/blank ‘branco’, nína/muóre/mája /májka ‘nai’.
-Casos curiosos de polisemia: ruósa ‘rosa’ e ‘flor’ (cf. friul. rose ‘flor’).
-Préstamos do croata (muójko, mája ‘nai’, tiáta ‘tía’, punástra ‘ventá’), e do véneto (ámia ‘tía’, anduór ‘andar’). En menor medida, do italiano literario (kompatáir ‘compadecer’), do alemán (stuák ‘teito’), do grego e do istrorromanés.
-Escaso emprego da composición para a formación de léxico motivado.
Variedades dialectais
Distínguense dous dialectos principais: o vegliota, na zona setentrional, falado na illa de Veglia, que, antes de extinguirse a finais do s XIX, sufriu unha forte desdalmatización en parte do seu sistema; e o raguseo, na zona meridional, falado na cidade de Ragusa, onde só tiña un uso testemuñal (nos debates do Senado) a principios do s XVI. -
[ZOOL]
-
adx
Relativo ou pertencente á raza dálmata.
-
raza dálmata
Raza de cans de talle mediano, cunha altura que non sobrepasa case nunca os 60 cm. Teñen o corpo esvelto, as orellas non moi grandes e caídas, e o pelame curto de cor branca con manchas circulares negras ou marróns distribuídas uniformemente por todo o corpo. Son animais de garda e defensa.
-
adx