Damián, san
Mártir cristián baixo Diocleciano (303). Xunto co seu irmán xemelgo, san Cosme, dedicouse a sandar enfermos e a predicar a fe cristiá. Ambos os dous foron martirizados durante a persecución de Diocleciano. A tradición conta que Lisias, o gobernador de Sicilia, para impedir que predicasen mandou que os botasen ao mar, pero unha grande onda devolveunos con vida; logo mandounos queimar vivos, pero as chamas queimaron os verdugos pagáns ata que, finalmente, os decapitou. Na iconografía visten roupas de médico cun bonete ou carapucha na cabeza e levan como atributos persoais instrumentos relacionados coa súa profesión. Os dous irmáns son patróns da profesión médica e farmacéutica, así como dos hospitais. Son dos santos máis antigos no culto hispánico (s VII) e a súa devoción estendeuse durante o s V por todo o mundo cristián. Invócanse, ao igual que a san Sebastián e a san Roque, contra a peste, a inflamación das glándulas, a tiña, os males dos riles, a incontinencia nocturna dos nenos, etc. Na tradición oral recóllense ditos que testemuñan a devoción cara a estes santos: “San Cosme e san Damián, con doutor e sen doutor, os teus males sandarán”. A súa festividade celébrase o 26 de setembro.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Arabia -
Deceso
Lugar : Ciro, Siria