deus, deusa
(< lat deus)
-
Primeiro xornal editado en Barcelona. Fundado por Pedro Ángel Tarazona, publicouse nunha primeira etapa entre o 7 de xaneiro e o 30 de abril de 1762, e presentaba unha estrutura semellante á do Diario de Madrid. Reapareceu o 2 de xuño de 1772 e desapareceu definitivamente o 30 de maio de 1773. Coñeceuse popularmente co nome de Diari d’En Tarassona. Dos seus obradoiros tipográficos saíron un total de 53 números.
-
s
[MIT]
Ser superior, dotado de atributos sobrenaturais, ao que se lle rende culto. As deidades máis salientables do hinduísmo son as śakti -potencia divina ou poder inmanente, a miúdo identificado coa deusa suprema ou Gran Deusa-, relacionadas con Śiva -un dos deuses da trindade posvédica, xunto con Vishnu e Brahmā-, entre as que destacan Kālī e Durgâ. As diversas denominacións das divindades femininas da Antigüidade son: a boa deusa, como caracterización de Cibeles; a deusa nai, como representación, moi estendida no Mediterráneo Oriental (Exipto, Fenicia, Frixia e Grecia), da fecundidade vexetal, animal e humana (Isis, Cibeles, Rea, etc); e a gran deusa, como cualificación de pertenza ao grupo dos deuses de máis alta categoría (Afrodita, Hera, Atenea, Ártemis, Deméter, etc). En numerosas mitoloxías, principalmente a grega e a romana, permitíaselles aos deuses casar con mortais -aínda que estes se visen obrigados por isto a vivir menos tempo- e, nalgúns casos, determinadas deusas posuían ao mesmo tempo sexo masculino e feminino. Así, por exemplo, Ardhanarī era a representación medio feminina de Śiva, Minerva e Venus podían gozar tamén de masculinidade, e Mitra, deidade dos persas, posuía tamén carácter hermafrodita.
-
s
m
[RELIX]
Ser supremo. OBS: Escríbese en maiúscula cando se emprega como nome propio.
Concepto de Deus
O concepto de Deus, nacido como resposta ao misterio da existencia (percibido con inquietude polo home), pode aplicarse a unha potencia única (monoteísmo) ou pola contra, pode atribuírse ao conxunto de seres sobrehumanos que dominarían cadanseu ámbito da realidade (politeísmo). Esta variedade de posibilidades de aplicación do termo faino susceptible de recibir as máis diversas significacións que, incluso, poden contrapoñerse unhas ás outras, feito que implica a imposibilidade de definilo segundo unha expresión única, clara e determinada. Non obstante , o deus das relixións monoteístas, creador do universo, independentemente da tradición cultural na que se enuncie, reúne na súa natureza algunhas características ineludibles: infinidade, unidade e simplicidade. Escolas filosóficas como a de Viena afirman a existencia inicial dun monoteísmo moi rudimentario que derivaría en dualismo ao ter que afrontar o problema do mal (así habería un deus do Ben e un deus do Mal en constante pugna pola supremacía); e de aí pasaríase ás máis diversas formas do politeísmo. A escola evolucionista formula a hipótese dun ateísmo inicial da humanidade, no sentido de que na orixe non habería a capacidade intelectual suficiente para chegar a unha preocupación existencial que motivase a busca de respostas mediante formulacións cosmogónicas, pero recoñece que a consciencia da existencia de forzas misteriosas deu pé ás primeiras formas de fe en Deus, posiblemente dentro dun contexto animista.
Doutrinas da existencia de Deus e da súa relación co mundo
Distintas doutrinas, relixiosas e antirrelixiosas, abordan o problema da existencia de Deus mediante a afirmación de principios de carácter absoluto sobre os que edifican sistemas de crenzas que resultan irrefutables partindo dese fundamento. Entre as relixiosas destacan tres: a doutrina da Creación afirma que Deus é un ser absoluto, independente, de substancia espiritual simple, que existe eternamente, que creou o mundo da nada e do que depende todo; a doutrina do Dualismo sostén que existen dous principios eternos que son Deus e a Materia, que Deus é a intelixencia creadora que fixo o mundo coa materia preexistente e é o motor que o pon en marcha; e a doutrina do Panteísmo que defende que Deus e o mundo son a mesma e única substancia e concibe o segundo como manifestación do primeiro. A estas doutrinas relixiosas opóñense dúas doutrinas antirrelixiosas: o Ateísmo, que nega directamente a existencia de Deus, e o Agnosticismo, que indica que non é humanamente factible tomar unha postura ante a existencia de Deus pola imposibilidade de probar ou a súa existencia ou a súa inexistencia.
Probas da existencia de Deus
Probas físicas ou cosmolóxicas
Son argumentos baseados na observación dalgúns fenómenos naturais. Unha delas é o argumento da continxencia do mundo: Deus, que ten a súa existencia en si mesmo, é a causa última de todo o que existe. Bastante similar é o argumento do primeiro motor: Deus é a causa primeira de todo movemento. Por último, o argumento das causas finais ou argumento teleolóxico, baséase en que a orde e a harmonía que parecen reinar na natureza débense a unha intelixencia superior.
Probas metafísicas
Son argumentos que se fundamentan na lóxica, como, por exemplo, a proba ontolóxica: se a Deus se lle chama “ser” é porque existe; ou a proba cartesiana: a idea dun ser perfecto debe proceder dun ser perfecto.
Probas morais
Son argumentacións fundamentadas en observacións antropolóxicas, emitidas dende a consciencia da propia subxectividade humana, e precisamente nesa aceptación pretenden fundamentar a forza da súa formulación. A proba histórica ou do consenso universal refírese á crenza universal en Deus como mostra inequívoca da súa existencia, pola elaboración de múltiples teoloxías nos ambientes culturais máis diversos, non conexos, e o feito de que compartan moitos trazos comúns. A proba psicolóxica baséase na existencia de aspiracións da razón humana, como a eternidade, a perfección, etc, que só poden ser atributos dun ser como Deus. Unha última argumentación dende a antropoloxía é a proba da lei moral, que, partindo do suposto de que a vida humana se diríxe cara a un ideal de xustiza, verdade e outros valores intrinsecamente bondadosos, establece a existencia dunha lei moral universal, unha lei de perfección ideal que emanaría dun lexislador absoluto e supremo.
Deus nas principais relixións monoteístas
O monoteísmo, nas súas formulacións xudía, cristiá e musulmana, afirma a unidade de Deus xuntamente coa súa transcendencia, infinitude e espiritualidade. Non obstante , para os seguidores das ensinanzas de Confucio, existe un Señor do Ceo ou Gran Señor que non reúne esas calidades de transcendencia, presentado simplemente coas características propias dun propietario poderoso.
O deus de Israel
A conceptualización do deus de Israel, Iavé, xurdiu nun contexto cultural politeísta como o protector dunha comunidade nacional emerxente. Ao longo de séculos de desenvolvemento, a teoloxía xudía foi definindo os seus atributos, superiores aos dos deuses dos pobos veciños, para finalmente nomealo como creador do mundo e do home. Ao remate deste proceso, o xudaísmo pasou do monolatrismo inicial ao monoteísmo. O xudaísmo establece entre Deus e a humanidade unha relación de modelo e imaxe: Deus é a perfección e o home é unha criatura feita á súa semellanza, pero imperfecta e corrupta polo pecado.
O deus cristián
O deus cristián recolle a tradición do deus de Israel, pero o trazo fundamental e diferenciador é a súa descrición da humanidade como creación filial de Deus. A paternidade divina involúcrase directamente co home na súa Encarnación en Cristo, Deus e home de xeito simultáneo. Fóra desa característica fundamental, a natureza de Deus foi obxecto de numerosas controversias no seo da Igrexa que provocaron, ao longo da súa historia, varias rupturas. A concreción dunha única doutrina cristiá sobre a natureza e atributos de Deus viuse dificultada pola heteroxeneidade de ambientes, culturas e medios nos que se desenvolveu o seu proceso de formación nos primeiros séculos. Estas dificultades deron orixe a varios cismas, provocados por fondas discrepancias, especialmente no tocante á natureza humana e divina de Cristo. Ao final, o cristianismo adoptou como válida unha formulación trinitaria que afirma que Deus é Un e Trino, unha única unidade indivisible integrada por tres persoas: o Pai, o Fillo e o Espírito Santo. Por razón desa unidade, o culto que se lle tributa a cada unha desas tres persoas é indisoluble co que se lle tributa ás outras dúas: Deus Pai é o Todopoderoso (omnipotente), creador do Ceo e mais a Terra, de todo o visible e do invisible; Cristo é o seu único fillo, Deus verdadeiro que procede de Deus verdadeiro, do que foi enxendrado, non creado, é dicir, é da mesma natureza ca o Pai; o Espírito Santo, señor e fonte da vida, procede do Pai e do Fillo e con eles comparte a Gloria. Xa que logo, con Cristo pasouse dun deus creador do home a un deus Pai do home. Á parte da discusión sobre a natureza de Deus, no cristianismo tamén se debateu sobre a intervención de Deus na historia: ademais da redención do pecado por medio de Cristo, o cristianismo católico defende a doutrina da liberdade do home, plenamente dono do seu destino, aínda que chamado a cumprir a vontade de Deus. Pola contra, outras igrexas cristiás admiten a existencia dunha predestinación, feito que as leva a proclamar a salvación a través da fe, con absoluta independencia da conduta. A omnisciencia e a ubicuidade tamén son características fundamentais do deus cristián.
Alá, o deus do islam
A doutrina musulmá baséase na revelación que recibiu Mahoma. Para os mahometanos non hai máis deus que Deus (Alá), omnipotente creador do universo. Os crentes maniféstanlle unha submisión absoluta. O islam, como o cristianismo, tamén experimentou no seu seo discrepancias doutrinais no referente á intervención de Deus na historia; así, os ortodoxos sunnitas admiten a existencia da predestinación. Os principais dogmas do islam afirman que Deus é eterno, transcendente, omnipotente, omnipresente, creador e único.
O deus deísta
O deus deísta é o demiurgo, un artesán creador do mundo, potencia primeira do universo. Malia ser o Creador, o deus deísta mantense á marxe da historia do mundo. Esta doutrina xurdiu da crítica ao pensamento cristián en Inglaterra na segunda metade do s XVI.
O panteísmo
Outro xeito de interpretar a existencia leva ao enunciado do panteísmo; basicamente, as doutrinas panteístas coinciden en conceder a todos os seres vivos unha participación integrada na divindade, da que forman parte indisoluble. Algunhas interpretacións do budismo identifícanse con esta teoría.
Deus nas tradicións dualistas
O dualismo, profesado polo zoroastrismo persa, polo maniqueísmo e polos gnósticos, establece dous principios orixinais opostos e irredutibles entre eles. Ao Ben absoluto oporíaselle o Mal absoluto, aínda que o seu enunciado pode recorrer a outros antagonismos: así aparecerían as divindades da luz e das tebras, do ceo e da terra, do val e das montañas, do espírito e da materia, etc. A existencia dun implica necesariamente a existencia do outro. O mantemento do equilibrio cósmico precisa neste sistema da existencia simultánea de ambos os dous, en constante pugna por unha hexemonía que nunca poden acadar plenamente. < BR> Deus nas tradicións politeístas
Unha gran proporción das formas de relixión retratan distintos colexios de divindades que se distribúen funcións de control sobre os distintos fenómenos naturais. Moitos destes panteóns reflicten nos seus deuses e deusas os caracteres humanos, cos seus vicios e virtudes, suxeitos a paixóns entre eles e, na maioría dos casos, en diálogo cos homes. En moitas destas relixións, o panteón ordénase xerarquicamente. Os deuses dos pobos mesopotámicos, os exipcios, gregos e romanos, os das grandes civilizacións mesoamericanas ou os do ámbito cultural indostánico, teñen a súa historia propia, de xeito que a súa xerarquización foi produto das loitas polo poder entre eles ou de relacións de parentesco semellantes ás que establecen os humanos. Ademais, esta historia obrígaos a estar inescusablemente relacionados, polo que é imposible pensar na súa existencia de xeito illado. As relacións que estes deuses establecen cos homes son moitas veces crueis e para aplacar a súa ira os homes deben ofrecerlles sacrificios. Outra característica que distingue os deuses das tradicións politeístas dos deuses das tradicións monoteístas ou panteístas é que os primeiros adoitan ter unha residencia establecida nun lugar concreto -que moitas veces é o sancta sanctorum do seu templo-, feito que contrasta coa ubicuidade ou omnipresencia dos segundos. Na tradición oral recóllense ditos como: “A quen Deus lla dea, San Pedro lla bendiga. A quen Deus quere ben, todo lle medra. Cada un para si e Deus para todos. Dá Deus ás á formiga para morrer máis axiña. Dá Deus barbas ao que non ten queixadas. Deus castiga sen pau e sen pedra. Deus dá o frío a conforme é o abrigo. Deus me dea contenda con quen me entenda. Deus molla aos xustos e aos pecadores, o mesmo polos días que polas noites. Deus que dá a chaga dá a menciña para curala. O que está de Deus non o leva o demo”. -
s
Persoa ou cousa pola que se sente especial admiración e veneración. Na tradición oral recóllese o seguinte dito: “O deus do usureiro é o diñeiro”.
Ex: Ese xogador é como un deus para os afeccionados do seu equipo.