Deus sentado nun sillón azul

Deus sentado nun sillón azul
[LIT]

Novela publicada por Carlos Casares en 1996. Ambientada nos anos anteriores e posteriores á Guerra Civil española, combina a temática amorosa coa crónica político-social e a reflexión filosófica. A través da perspectiva externa dunha muller innominada (“Ela”), que observa desde a ventá da súa casa o protagonista (“El”), nárrase a historia dun triángulo amoroso en dous tempos: lembranzas do pasado e sucesos do presente. O “Deus” é un intelectual co que “Ela” tivo unha intensa relación amorosa na súa xuventude. A identificación do protagonista coas aspiracións do novo réxime franquista fan que “Ela” torne progresivamente a súa admiración inicial polo desprezo absoluto. Non obstante , co paso dos anos, “El” evoluciona desde o entusiasmo inicial á frustración e á perda de fe nos ideais que apoiara ata chegar á postración do presente, símbolo de illamento e decadencia. A indagación ética sobre a condición humana e o compromiso do intelectual co tempo que lle tocou vivir, así como a reflexión sobre a intolerancia e o abuso de poder como causas da violencia entroncan coa obra anterior do autor, aínda que sen a mirada irónica doutras novelas. A crítica ten identificado o protagonista como unha recreación literaria da figura de Vicente Risco, dadas certas coincidencias físicas e ideolóxicas. Recibiu o Premio da Crítica Española (1997).

Palabras veciñas

Deus ex machina* | Deus Fratesque Gallaetiae | Deus Ramos, João de | Deus sentado nun sillón azul | deus, deusa | deus, deusa | Deussen, Paul