Deus ex machina*
Expresión latina que alude a un instrumento mecánico (machina) que se empregaba na posta en escena do teatro grego clásico para facer posible a entrada dun deus ou dun ser sobrenatural descendendo das alturas, que contribuíse coa súa intervención a solucionar un conflito irresoluble para os homes. O procedemento foi criticado por Aristóteles, quen defendía o desenvolvemento natural da acción, a partir dos resortes internos da propia intriga. Igualmente, foi criticado no Crátilo de Platón. Por extensión e de xeito figurado, alude á intervención inesperada e providencial dun personaxe ou dalgunha circunstancia que axuden a resolver unha situación complicada; como por exemplo, unha carta inesperada que aclara unha dúbida ou unha herdanza que se descoñecía. Adoita utilizarse cando o dramaturgo ten dificultade en atopar unha conclusión lóxica á súa trama. O recurso foi empregado frecuentemente no Barroco, pero o teatro moderno prescindiu del por consideralo demasiado artificial e inverosímil, mesmo chegou a parodialo, como acontece nalgunhas obras de Bertolt Brecht.