Deus

Deus
[ONOM]

Apelido que ten a súa orixe nun alcume moi frecuente na Idade Media. A súa orixe está no apelativo de Deus que, como apelido administrativo, se adoitaba engadir ao nome de bautismo para os nenos orfos e que despois pasou a ser empregado como alcume. Rexístrase desde moi cedo en documentos en latín e máis tarde en romance: “Michaelis de Deo” (doc ano 1188 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 499), “Maria de Deus” (doc ano 1281 en C. de Azevedo Maia, História do galego-portugués. Estado lingüístico da Galiza e do Noroeste de Portugal do século XII ao século XVI, 1986, p 132). Variantes deste apelido son De Deus e Deus de, mentres que De Dios e Dios son formas castelás ou galegas castelanizadas.

Frases feitas

  • Á boa de Deus. Sen coidado, sen artificio ou malicia.

  • Deus o teña na súa gloria. Expresión que se emprega cando se nomea a unha persoa que morreu como mostra de respecto.

  • Deus sexa bo e o demo tamén. Ser bo algo e o seu contrario.

  • Deus te aparte do día das gabanzas. Expresión que se usa para desexarlle a alguén que a súa morte estea lonxe.

  • (Que) Deus cho pague. Expresión de agradecemento.

  • (Que) Deus nos teña da súa man. Expresión que alguén emprega para pedir axuda a Deus ante un perigo.

  • (Que) veña Deus e o diga/vexa. Expresión coa que se pretende reforzar a certeza dunha afirmación.

  • (Queda) con Deus. Fórmula de saúdo ou despedida.

  • A Deus dar. Con moita abundancia. Ex: Chover a Deus dar.

  • A Deus o que é de Deus e ao César o que é do César. Dar a cada un o que lle corresponde.

  • Anda con Deus. Expresión coa que alguén se despide.

  • Así Deus me salve/me dea a gloria/Como hai Deus. Expresións coas que se pretende reforzar a certeza dunha afirmación.

  • Así Deus nos dea pan, e paz e sacramentos para a alma. Expresión que se emprega despois de matar a sede.

  • Chamar/Levar Deus a un/Chamar Deus para si. Morrer.

  • Comer a Deus polas pernas. Ter moita fame e comer moito. Ex: Como tivo que traballar ata as tres, ao chegar á casa comía a Deus polas pernas.

  • Como Deus manda. Ben ou de forma correcta. Ex: Fixeches todo ao revés, empeza outra vez e faino como Deus manda.

  • Darse un a Deus e ao demo. Estar moi anoxado ou alporizado.

  • De menos nos fixo Deus. Expresión que indica a esperanza de acadar algo moi difícil ou desproporcionado.

  • Deixado da man de Deus. Abandonado.

  • Deixar algo a Deus. Fiar á providencia o éxito dun negocio.

  • Deus é bo e o demo non é malo. Querer estar a ben con todos.

  • Deus llo traia con ben/Deus lle dea unha horiña pequena. Aplícase á muller que vai dar a luz para desexar que todo saia ben.

  • Deus me dea paciencia (e un carro para levala). Expresión de resignación do que sofre moitas penas e desgracias.

  • Deus me entende. Indica o convencemento que alguén ten de que o que di é razonable, aínda que non saiba argumentalo.

  • Deus nos colla confesados. Indica o temor ante unha desgraza ou mal inminentes.

  • Deus nos libre dun ""xa foi"". Indica que non paga a pena lamentarse por algo que non ten remedio porque xa pasou.

  • Deus nos libre dunha mala cousa. Especie de conxuro con que alguén pretende librarse de males e influencias negativas.

  • Deus nos libre/Non o queira Deus. Expresión que indica medo e rexeitamento dun posible futuro acontecemento negativo.

  • Deus o arrequente. Expresión que se di para que haxa unha boa colleita.

  • Deus o faga bo. Expresión que indica o desexo de que alguén mellore a súa conduta ou o seu proceder.

  • Deus o faga mellor. Expresión que indica o desexo de que non se faga realidade algún mal ou suceso negativo que se teme.

  • Deus o traia con ben. Expresión coa que se desexa que chegue ben alguén que vén de camiño dunha viaxe.

  • Deus o/a dea. Expresión de benvida a algo moi necesario para o beneficio da terra, como o sol, a chuvia, o tempo seco, etc.

  • Deus os cría e o demo os xunta. Expresión que indica que os individuos que teñen as mesmas inclinacións, xeralmente negativas, acostuman xuntarse uns cos outros.

  • Deus protexa ao demo, que é un pobre diaño. Expresión que se di ao falar da maldade dalgunha xente.

  • Deus te entenda. Expresión que se lle di a alguén que ten un discurso confuso ou incomprensible.

  • Deus te faga de boa caste. Expresión que se lles di aos nenos que se portan mal para que cambien de actitude ou de comportamento.

  • Deus te oia e o diaño sexa xordo/Deus te bendiga pola barriga. Expresión desiderativa cara ao positivo.

  • Estar de Deus. Estar predestinado.

  • Estar deixado da man de Deus. Expresión que se emprega para referirse a alguén que fracasa en todo o que emprende.

  • Gracias a Deus. Expresión que significa afortunadamente. Ex: Pensan que estou arruinado pero grazas a Deus aínda me queda moito da herdanza da miña nai.

  • Ir (un) con Deus. Expresión que se usa para despedirse.

  • Non servir para Deus nin para o demo. Non servir para nada de proveito.

  • Non ter un en que Deus lle chova. Ser moi pobre.

  • Onde Deus sexa servido. Nun lugar indeterminado.

  • Polo amor de Deus/Por Deus. Expresión que se emprega para pedir esmola ou para expresar sorpresa e enfado pola actuación doutra persoa. Ex: Polo amor de Deus, como fixeches o exercicio tan mal?.

  • Queira Deus. Indica o desexo de que suceda algunha cousa pero tamén a desconfianza de que sexa así. Ex: Queira Deus que se lembre de traerme o libro, pero non sei eu.

  • Sabe Deus o que será. Indica a dúbida sobre acontecementos futuros.

  • Sen encomendarse nin a Deus nin ao Demo. Facer algo de forma pouco precavida.

  • Ser un tamén de Deus. Expresión coa que alguén expresa o seu dereito e desexo de ser incluído nun grupo ou nunha actividade. Ex: Invitaron a todos menos a min, e eu tamén son de Deus.

  • Todos os días de Deus. Expresión que se emprega para referirse a algo que ten lugar cada día, sen excepcións, de xeito que chega a ser habitual ou mesmo tedioso. Ex: Chama dúas veces ao día todos os días de Deus.

  • Un Deus o leva e outro Deus o trae. Expresión que se lle aplica a quen cambia moi rápido de ideas ou comportamentos.

  • Vaia por Deus! Expresión de resignación ante un contratempo.

  • Vaite con Deus. Expresión que equivale a déixame en paz ou non me molestes.

  • Vállame Deus! Expresión que denota desgusto, sorpresa ou resignación por unha cousa.

  • Ver a Deus polo cu dunha agulla/por un burato. Ter unha gran dor ou sufrimento, xeralmente físico. Ex: Cando me caeu a pedra no pé vin a Deus polo cu dunha agulla.

  • Veuno Deus a ver. Aplícase á persoa que saíu ilesa dun perigo ou mellorou a situación difícil na que se encontraba. Ex: Decidiron probar con el o novo medicamento e curou o cancro, veuno Deus a ver."