Diario de Galicia
Xornal de información xeral publicado en Vigo a partir do 12 de marzo de 1988. Editado por Publicaciones de Galicia S A, empresa presidida por Camilo Prado Freire, cesou a súa edición o 4 de febreiro de 1989 por mor de problemas económicos. Dirixiuno nos primeiros meses Xosé A. Gaciño Barral e traballou como subdirector Manuel Rivas Barros. A partir do mes de outubro de 1988 produciuse a dimisión de Gaciño Barral e Rivas, e incorporáronse ao equipo directivo Antonio Ojea e Segundo Mariño, o primeiro como director e o segundo como editor. Cómpre salientar que foi un dos primeiros xornais en introducir a fotografía en cor en Galicia. Tiraba do prelo 48 páxinas distribuídas en cinco caderniños. Informaba de cuestións relacionadas coa economía, os deportes, a cultura e o ocio, cunha especial atención a Galicia. Trátase dun diario pioneiro na introdución da lingua galega na redacción dalgúns dos artigos e seccións, das que destaca “Episodios galegos”, unha crónica política, social e cultural de Galicia. No eido literario e cultural atendeu especialmente contidos innovadores e contou coa colaboración de destacados escritores e intelectuais galegos. Co cese da súa edición, vendeuse ao Grupo 16 e pasou a denominarse Diario 16 de Galicia.