documentación

documentación

(< latdocumentatĭōne)

  1. s f

    Acción e efecto de documentar ou documentarse.

  2. s f
    1. Conxunto de documentos referidos a algo ou a alguén, reunidos ou presentados para un fin.

      Ex: Presentou toda a documentación necesaria para solicitar a subvención.

    2. Documento ou conxunto de documentos, procedente dunha autoridade competente que prové, entre outras cousas, a identidade dunha persoa, a súa filiación e o seu estado social e xurídico. Serven para a identificación persoal ou para acreditar algunha condición.

  3. [BIBLIOT]
    1. s f

      Conxunto de técnicas e disciplinas informativas que se ocupan da recuperación e do estudo do documento, emitido nun proceso anterior, como fonte de información. Mediante a análise e o tratamento técnico das mensaxes, prepáranse para que a información sirva de fonte para acadar novos coñecementos ou para tomar decisións nas empresas, organizacións e institucións. O incremento da produción de información científica, técnica e divulgativa, entre outras, deu orixe a novos recursos e técnicas documentais. Entre outros, destacan as bases de datos ou as redes documentais e os novos soportes de datos que poden ser: fotográficos, como a fotografía, a fotocopia ou a telecopia; microformas, como o microfilme e a microficha; magnéticos, como as cintas magnetofónicas, as de vídeo e os discos magnéticos; ópticos, como o disco óptico; e magneto-ópticos.

    2. documentación automatizada

      Sistemas ou servicios de información nos que os datos se almacenan e se distribúen a través dun soporte magnético ou óptico, que permite a súa lectura polos ordenadores. Pódese consultar a través dunha rede documental. Presenta, segundo diferentes autores, catro grandes ámbitos de traballo: a teledocumentación, na que se integran as bases de datos en liña e o videotex; as tecnoloxías ópticas, nas que se integran os discos ópticos e os CD-ROM; os sistemas de xestión electrónica; e Internet.

    3. documentación bibliográfica

      Conxunto de informacións procedentes de libros, monografías ou revistas, que se lles ofrecen dun xeito organizado aos estudiosos ou ao persoal interesado nesas materias.

    4. documentación comercial

      Conxunto de documentos producidos por unha empresa, de orixe interna ou externa, como os catálogos de produtos ou os carteis, e susceptibles de ser conservados nos arquivos.

    5. documentación teatral

      Proceso de catalogación de todo tipo de materiais relacionados coas artes escénicas e, particularmente, co teatro. Adoitan ser libros, revistas, vídeos, fotografías, carteis, programas de man, cadernos de dirección, partituras de música para teatro, deseños escenográficos, máscaras, vestiario, elementos de escenografía, panos e todo tipo de materiais que poden dar conta dun determinado feito teatral. Amais das bibliotecas teatrais, entre as que destaca polo seu fondo a existente no Lincoln Center for the Performing Arts de Nova York, ou a do Institut del Teatre de Barcelona, tamén hai que salientar museos do teatro, como os que existen en Madrid, Barcelona ou Almagro, e o Centro Nacional de Documentación Teatral creado en Madrid polo ministerio de Cultura e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música. En Galicia existe o Centro de Documentación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais; o Centro de Documentación María Casares, situado na biblioteca pública de Cangas; e a Biblioteca-Arquivo Francisco Pillado Mayor, situada na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.