Edo ou Caldelas

Edo ou Caldelas

Río afluente do Sil pola esquerda. Nace nas inmediacións da serra do Burgo, na parroquia de Pedrouzos (concello de Castro Caldelas). O seu curso adopta unha dirección SO-NL coa que penetra na parroquia de Camba. Ao chegar ao límite coa parroquia de Castro Caldelas captura o seu principal afluente, o Castoi, colector dos ríos e regos que baixan da serra das Cabanas, ao NL da conca. A partir dese punto o seu curso vira cara ao NO, para servir de límite á parroquia de San Paio de Abeleda coas de Alais (Castro Caldelas) e Abeleda (concello da Teixeira), e a esta última coa de Santa Tegra de Abeleda (Castro Caldelas). Na captura do río dos Vaos, no límite entre Lumeares e A Abeleda (xa no concello da Teixeira), vira cara ao N, na dirección que mantén ata a súa desembocadura, no encoro de Santo Estevo e, en concreto, no lugar dos Furados, no límite entre as parroquias de Fontaos (A Teixeira) e Paradelas (Castro Caldelas), despois dun percorrido duns 11 km.