Egas

Egas

Familia de arquitectos e escultores de orixe flamenga activa na Coroa de Castela. Hannequin Egas , activo entre 1448 e 1494, introduciu o gótico flamíxero en Toledo. Foi mestre de obras da catedral de Toledo (1448-1470) e traballou co seu irmán Egas Cueman no cadeirado do coro da catedral de Cuenca (1454). Egas Cueman (s XV) realizou os sepulcros de Gonzalo de Illescas (1458) e Alonso de Velasco (1467-1480) no mosterio de Guadalupe (Cáceres) e traballou na porta dos Leóns da catedral de Toledo. O seu fillo, Antón Egas , activo entre 1475 e 1530?, traballou nas catedrais de Toledo (1475), onde substituíu o seu pai como aparellador en 1495, e Segovia (1487). Entre as súas obras individuais destacan os trazados da igrexa do convento de Santa Fe de Toledo (1503) e os da colexiata de Torrijos (Toledo, 1509-1518). En 1510 trasladouse a Salamanca onde deu as trazas da catedral nova con Alfonso Rodríguez e, entre 1520 e 1525, traballou no mosteiro de Guadalupe con Alonso de Covarrubias no trazado da sancristía nova. Traballou en numerosas ocasións co seu irmán Enrique Egas , activo entre 1495 e 1534?. Representante do plateresco español, substituíu a Juan Guas como arquitecto de Isabel a Católica en 1495. Foi mestre maior da catedral nova de Plasencia (1497) e da catedral de Toledo (1498), onde reformou a capela dos Reyes Viejos e a capela mozárabe (1519). Co seu irmán Antón traballou na igrexa de San Juan de los Reyes (1497?) e na igrexa maxistral de Alcalá de Henares, trazada en 1497. En 1499 deseñaron xuntos as trazas do Hospital Real de Santiago de Compostela e iniciaron as obras en 1501. O modelo, inspirado no Renacemento italiano e adaptado ao estilo hispanoflamengo, repetiuno Enrique no Hospital de Santa Cruz de Toledo (1504-1514) e no Hospital Real de Granada (1511-1523). Realizou a capela Real de Granada (1506-1521), por encargo dos Reis Católicos, e entre 1521 e 1528 dirixiu as obras da catedral de Granada.