Eguía, Nazario
Militar. As súas primeiras accións bélicas tiveron lugar entre 1794 e 1795 na loita contra os franceses e durante a Guerra da Independencia acadou o grao de mariscal de campo. Fernando VII recompensou a súa fidelidade ao absolutismo nomeándoo capitán xeneral de Galicia en 1823. Trasladou a capitanía a Santiago de Compostela e rodeouse de colaboradores fieis ao absolutismo, entre os que destacou Zumalacárregui, gobernador militar de Ferrol. Someteu as forzas liberais mediante unha forte represión e loitou contra as partidas liberais que actuaban en Ourense, preto da fronteira portuguesa; tamén rematou coas partidas establecidas en Valdeorras, dominou a que actuaba na Mezquita e axustizou a Bordas, o seu líder, mentres cortaba as comunicacións internas cos exiliados de Londres e París. O seu antiliberalismo radical manifestouse publicamente nos bandos nos que lles declaraba o seu odio aos inimigos da Soberanía, do Altar e do Trono. Os liberais atentaron contra a súa vida en 1829 ao enviarlle, probablemente dende Ribadavia, un paquete bomba, que lle supuxo a perda da man dereita e de tres dedos da esquerda. Trala morte de Fernando VII apoiou o infante Carlos María Isidro de Borbón, quen o puxo á fronte dun exército de 25.000 homes. Tras varias campañas vitoriosas sobre os cristinos, instalouse en Durango co seu exército. En 1836 recibiu a gran cruz de Carlos III pero, molesto polas intrigas e as discrepancias xurdidas na corte do pretendente, renunciou ao seu posto e, co título e emprego de tenente xeneral, retirouse a Tolosa.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Durango -
Deceso
Lugar : Tolosa