Ehrlich, Paul

Ehrlich, Paul

Bacteriólogo e médico alemán, discípulo de Koch. Estudiou nas universidades de Breslau, Estrasburgo, Friburgo e Leipzig. En 1878 doutorouse en medicina e entrou a traballar na Berlin Medical Clinic, onde puido continuar os seus estudios sobre os colorantes e a tinguidura de tecidos orgánicos. Foi profesor da facultade de Medicina da Universidade de Berlín, dende 1882, ata que en 1896 acadou o posto de director do Instituto Serolóxico de Steglitz (Berlín), que máis tarde se trasladou a Frankfurt como Instituto de Terapia Experimental. Destacan os seus traballos no campo da inmunoloxía, como é a explicación do mecanismo de reacción antíxeno-anticorpo, estudios que son a base da inmunoloxía moderna. Descubriu o composto arsenobenzol (1910), comercializado co nome de salvarsán, que resultaba efectivo contra o Treponema pallidium, axente patóxeno causante da sífilis, e o neosalvarsán (1912); os dous son compostos arsenicais que se empregan na tratamento das enfermidades infecciosas e nos que se basea un novo método terapéutico, a quimioterapia, creado por el. Tamén son importantes os seus traballos sobre histoloxía e sobre a acción dos colorantes. En 1908 obtivo o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía, que compartiu con I. I. Mečnikov, polos seus traballos sobre inmunidade.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Strehlen

  • Deceso

    Lugar : Bad Homburg