eidos, Os
Obra de Uxío Novoneyra que foi sometida a continuas ampliacións e revisións por parte do autor. A obra dá nome a un ciclo do que forman parte Os eidos (1955), Elegías del Caurel y otros poemas (1966) e Os Eidos 2 (1974). A primeira edición (1955) levaba o subtítulo “Terras outas e soias do Courel 1952-1954”, desaparecido nas edicións posteriores. Integraban o poemario oitenta composicións tituladas e organizadas en vinte apartados con cadanseu nome dun motivo natural, precedidos por unha “Carta a Novoneyra” de Ramón Piñeiro. A comezos da década dos oitenta, Novoneyra recompilou o ciclo e publicou Os eidos. Libro do Courel (1981), que sufrirá distintas reedicións e ampliacións. Neste ciclo, o autor fala sobre o home, a patria e a orixe, temas fundamentais da súa obra, reflicte a cosmovisión dunha paisaxe propia e retrata un espazo humanizado cunha visión universalizante que conforma a esencia do individuo. A través dos versos plasma a paisaxe, a flora, a fauna e a hidrografía do Courel, apoiado na toponimia, e integra a figura humana nesta natureza paradisíaca enmarcada polas montañas, vales, bosques e prados, fontes e ríos coureláns. A importancia do cotián e das cousas insignificantes reflíctese a través da fala do Courel e dun fonosimbolismo que mostra a musicalidade da obra. Formalmente, caracterízase polo emprego dos puntos suspensivos e a páxina en branco, símbolos gráficos que reflicten a poética do silencio, e polas continuas exclamacións, que aumentan o poder evocador. En 1988 apareceu a versión bilingüe galego-éuscaro Bazterrak/Os eidos I e II, realizada e prologada polo poeta donostiarra Koldo Izaguirre. A edición crítica de referencia foi preparada en vida do autor por Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer (1990).