Eimeria
(
Xénero de protozoos que afecta a gran número de vertebrados. Cando un animal inxire oocistos esporulados destes parasitos, os esporozoítos abandonan o oocisto e invaden as células e a mucosa intestinal. Unha vez dentro da célula, os esporozoítos desenvólvense intracelularmente formando esquizontes multinucleados que desenvolven máis esporozoítos que, á súa vez, penetran en novas células, e algúns destes desenvólvense para formar macrogametocitos e microgametocitos que se xuntan para producir novos oocistos, que se liberarán nos excrementos. Estes, nas condicións axeitadas de humidade e temperatura, dan lugar a oito esporozoítos. As infeccións de Eimeria causan a coccidiose, que supoñen a invasión e destrución da mucosa intestinal polo que poden presentar síntomas clínicos serios, como diarrea líquida, deshidratación e morte.