Einstein, Albert

Einstein, Albert

Físico e matemático alemán. Ingresou no Instituto Federal de Tecnoloxía Suíza, onde se graduou como profesor de matemáticas e física en 1900, ano no que obtivo a nacionalidade suíza. Tamén realizou estudios de música e foi un bo intérprete de violín. Unha vez rematados os seus estudios, comezou a traballar na oficina suíza de patentes en Berna, traballo que lle permitiu continuar coas súas investigacións en física. En 1905 doutorouse na Universidade de Zúric, e en 1909 conseguiu a súa primeira praza como profesor na mesma universidade. Ao ano seguinte obtivo a cátedra na Universidade de Praga e dous anos máis tarde na de Berlín. En 1914 foi nomeado director do Instituto de Física Kaiser-Wilhelm de Berlín ata 1933, ano en que, debido ás súas ideas pacifistas, a súa ascendencia xudía e as súas actividades prosionistas, tivo que abandonar Alemaña e trasladarse primeiro a Francia e despois a Bélxica, Reino Unido e EE UU; unha vez alí incorporouse ao Instituto de Estudios Avanzados de Princeton e nacionalizouse norteamericano (1940). En 1939 Einstein enviou unha carta, a petición de Leo Szilard, Edward Teller e Eugene Wigner, ao presidente Franklin D. Roosevelt para avisalo do perigo de que Alemaña se anticipara nas investigacións atómicas, feito que motivou a creación do Proxecto Manhattan, proxecto que máis tarde desenvolvería a bomba atómica. Ao redor de 1945 retirouse da docencia para dedicarse ás súas investigacións. Einstein publicou os seus primeiros catro artigos en 1905; o primeiro, Über die von der molekularkinetischen Theorie der Wärme gefordete Bewegung von in ruhenden Flüssigkeiten suspendierten Teilchen (Sobre o movemento de partículas pequenas suspendidas nun líquido estacionario, requirido pola teoría cinética molecular da calor), é unha explicación do movemento browniano; o segundo, Über einen die Erzeugung und Verwandlung des Lichtes betreffenden heuristischen Gesichtspunkt (Sobre un punto de vista heurístico respecto á produción e transformación da luz), propuxo unha teoría cuántica da luz, que lle permitiu dar explicación ao efecto fotoeléctrico descuberto por H. R. Hertz. Os dous artigos restantes describen a denominada teoría especial da relatividade; en Zur Elektrodynamik bewegter Körper (Sobre a electrodinámica dos corpos en movemento) propuxo que a velocidade da luz sempre é constante respecto a calquera observador, e en Its die Trägheit eines körpers von seinem Energieinhalt abhängig? (Depende a inercia dun corpo da enerxía que contén?) estableceu a equivalencia masa-enerxía, segundo a fórmula E=mc2, á que se lle chamou a “ecuación do s XX”. Todo isto provocou un cambio no mundo da física, que pasou dunha concepción newtoniana a unha xeometrización espacio-temporal da física moderna. No transcurso do decenio 1910-1920 traballou para xeneralizar a súa teoría relativista inicial e en 1916, durante a Primeira Guerra Mundial, publicou Die Grundlagen der allgemeinen Relativitäts theorie (Fundamentos da teoría xeral da relatividade). En 1921 outorgóuselle o Premio Nobel de Física polo seu traballo sobre o efecto fotoeléctrico, cando xa se convertera no científico máis popular e coñecido do s XX. Tamén recibiu outros premios, como a primeira medalla Max Planck e a da Unión de Sociedades Alemanas.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Ulm, Württemberg

  • Deceso

    Lugar : Princeton, Nova Jersey