Eiras Roel, Antonio
Historiador. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (1954) e adquiriu o grao de doutor na Universidad Complutense de Madrid (1957). Foi profesor (1960) e catedrático (1965-2000) de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e xestor da creación do Arquivo Histórico desta universidade (AHUS, 1969). Ao longo da súa carreira ocupouse do estudo da historia política do s XIX, da historia social, rural e económica, da demografía histórica e da historia institucional. Participou en diversos cursos, seminarios e conferencias nas universidades de Santiago, Extremadura, València, Barcelona, Coimbra, París VII, Xenebra e Belgrano de Bos Aires. Dende 1999 foi Cronista Xeral de Galicia e organizou diversos congresos e reunións, como os Coloquios Internacionais de Metodoloxía Histórica Aplicada (Universidade de Santiago, 1973, 1982, 1984 e 1989). Entre as súas monografías cómpre subliñar El partido demócrata español (1961), Estudios sobre agricultura y población en la España Moderna (1990), Los gallegos y América (1992), La población de Galicia, 1700-1860: crecimiento, distribución espacial y estrutura de la población de Galicia en los siglos XVIII y XIX (1996). Ademais, dirixiu e coordinou numerosas obras, entre as que destacan Metodología de la historia moderna: economía y demografía (1975), La historia social de Galicia en sus fuentes de protocolos (1981), Actas de las Juntas del Reino de Galicia. Vols I-VII (1995-1999) e El Reino de Galicia en la época del Emperador Carlos V (2000). Recibiu o Premio Antonio López Ferreiro de Investigación (2000). Foi membro da Société d’Histoire Moderne de París, da Association Française des Historiens Economistes (1974-2000), da Société de Démographie Historique de París (1975-2000), da Real Academia de la Historia e membro fundador da Asociación Española de Historia Moderna, que presidiu entre 1988 e 1991.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Bos Aires