Eisenman, Peter David

Eisenman, Peter David

Arquitecto estadounidense. Estudiou arquitectura na Cornell University e ampliou estudios nas universidades de Columbia e Cambrigde, onde se doutorou en Filosofía. Entre 1960 e 1967 traballou con Michael Graves e, aínda que proxectou diversas vivendas, ata 1980 centrou o seu traballo no estudo teórico da arquitectura e no ensino. Foi profesor, entre outras, nas universidades de Yale, Princenton, Cambrigde, Harvard e Ohio. En 1980 estableceu un estudo de arquitectura en Nova York con Jaquelin Robertson que en 1987 pasou a denominarse Eisenman Architects. Entre as súas obras destacan o proxecto Romeo e Xulieta, galardoado co León de Ouro da Bienal de Venecia (1985); o Wexner Center da Ohio State University (1983-1989), polo que recibiu o Premio de Honor do American Institute of Architectes; o edificio Koizumi Sangyo de Toquio (1988-1990), premiado co Premio Nacional do American Institute of Architectes en 1991; a sede da Nunotani Corporation de Toquio (1990-1992); a Max Reinhardt Haus de Berlín (1992); o centro de arte e conservatorio de Tours (1994); e o Holocaust Mahnmal de Berlín. En 1999 adxudicouse o concurso convocado pola Xunta de Galicia para a construción da Cidade da Cultura situada no monte Gaiás en Santiago de Compostela que comezou a erixirse o 8 de febreiro de 2001. Entre os seus escritos destacan House X (Casa X, 1982), Fin d’Ou T Hous (1985), An architecture of absence (Unha arquitectura da ausencia, 1986) e Diagram diaries (Diagrama diarios, 1999). Foi nomeado doutor honoris causa en Belas Artes pola University of Illinois (Chicago).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Newark, New Jersey