Ejea de los Caballeros

Ejea de los Caballeros

Municipio da provincia de Zaragoza, Aragón (15.227 h [1996]). É a cabeceira e o centro económico da comarca agrícola de Las Bajas Cinco Villas. As principais actividades económicas son a agricultura, especialmente os cultivos de cereais, a industria agroalimentaria e a fabricación de maquinaria agrícola. De orixe ibérica, foille conquistada aos musulmáns por Afonso I de Aragón o Batallador (1106), quen lle concedeu a carta de poboamento. Foi escenario das loitas civís que precederon ao compromiso de Caspe. Alí tivo lugar a reconciliación entre Xoana Enríquez e Leonor de Navarra (1467). As tropas de Filipe V sitiárona durante a Guerra de Sucesión. Do seu patrimonio cultural destacan a igrexa románica de San Salvador e a de Santa María, de orixe románica e modificada no s XVII, declaradas Ben de Interese Cultural en 1931 e 1984 respectivamente.