Elcano, Juan Sebastián
Navegante. Participou na campaña dirixida polo cardeal Cisneros contra Alxer en 1509. Establecido en Sevilla, alistouse na expedición de Magalhães que partiu do porto hispalense o 22 de setembro de 1519 para buscar un paso ás illas Molucas por Occidente. Elcano, contramestre da nao Concepción, tomou parte nun motín dalgúns oficiais en abril de 1520 cando a flota estaba fondeada nun porto da Patagonia. Sufocada a rebelión, Elcano continuou preso a travesía. Despois da morte de Magalhães nun enfrontamento cos indíxenas das Filipinas, o 27 de abril de 1521, Elcano foi liberado e posto ao mando da Victoria, unha das dúas naves ás que quedara reducida a flota trala desfeita. Chegaron ás illas Molucas a finais do ano 1521, e alí mercaron un gran cargamento de especias. Para evitar os portugueses (ós que segundo o Tratado de Tordesillas lles correspondía o comercio con aquela parte do mundo), a nao Trinidad e a nao Victoria separáronse: Elcano puxo rumbo ao O e chegou a Timor. En maio de 1522 a Victoria dobrou o cabo de Boa Esperanza. Despois dunha escala en Cabo Verde, arribou a Sevilla o 8 de setembro de 1522, de xeito que Elcano e os outros 17 membros da tripulación que sobreviviran á viaxe de 78.000 km, se converteron nos primeiros homes en completar a volta ao mundo. Carlos I premiou a Elcano cunha renda anual de 500 ducados de ouro (aínda que nunca a percibiu) e deulle por armas un globo terráqueo coa lenda “Primus circumdedisti me”. Elcano participou nas discusións de Badajoz cos portugueses sobre as Molucas, pero sen resultados prácticos. O interese que suscitou o éxito da viaxe motivou unha segunda expedición a estas illas, dirixida por García Jofre de Loaisa, que partiu da Coruña o 24 de agosto de 1525. Elcano enrolouse nesta expedición como piloto maior e capitán do Sancti Spiritus. A flota topouse con grandes dificultades meteorolóxicas no estreito de Magalhães; a nao de Elcano naufragou e a súa tripulación pasou ao San Lesmes, o buque insignia; ao morrer Loaisa en xullo de 1526, pouco despois de entrar no Océano Pacífico, Elcano asumiu o mando pero enfermo de escorbuto, finou aos poucos días.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Getaria, Gipuzkoa -
Deceso
Lugar : Océano Pacífico