Elda

Elda

Municipio da provincia de Alacant, Comunitat Valenciana, na marxe esquerda do río Vinalopó (52.751 h [1996]). A principal actividade económica é a industria do calzado, que a converteu na sede da Feria Internacional del Calzado e Industrias Afines (FICIA). Tamén destaca a agricultura (froiteiras, viña e oliveiras) e a gandería caprina e ovina. As primeiras noticias históricas sobre esta cidade aparecen nos concilios de Toledo, onde se afirmaba que era sé episcopal. En 1265 Xaime I de Aragón conquistouna e repoboouna con cristiáns. En 1460 recibiu o privilexio de organizar unha feira anual. Filipe II concedeulle o título de conde de Elda ao seu señor, Joan Coloma. En 1609, e trala expulsión dos mouriscos, quedou practicamente despoboada. O seu desenvolvemento urbano produciuse na década de 1960. Do seu patrimonio cultural cómpre salientar o xacemento ibero-romano do Monastil, o castelo alcázar de Elda, construído entre os ss XII e XIII, e a presa do río Vinalopó, construída a finais do s XVII.