Electra
Heroína grega, filla de Agamemnon, rei de Argos e un dos conquistadores de Troia, e Clitemnestra. Non aparece na epopea homérica, pero si nas versións posteriores do mito, substituíndo a Laódice. Segundo a lenda, Agamemnon, de volta á patria despois da guerra, foi asasinado a traizón por Clitemnestra e o seu amante Existo. Electra, maltratada por este, prepara a vinganza polo asasinato do pai. Co paso dos anos, reencontra o seu irmán Orestes, ao que salvara da morte cando era un naipelo, e ambos executan o homicidio da parella adúltera. Logo, continúa ao lado de seu irmán, mesmo cando este é perseguido polas Erinias, as deusas da vinganza, e ten que levar unha vida errante por moitas terras. Este mito foi recreado polos tres grandes tráxicos gregos. Nas versións de Esquilo e Sófocles xustifícase a acción dos dous irmáns, mentres que nas de Eurípides dáse unha visión particular da personaxe. Nas traxedias de Esquilo, Electra ten un papel secundario. Neste caso Electra actúa incitada por Apolo, o deus da luz e da verdade; deste xeito, queda xustificado o crime, ao ser comandada por unha orde superior. O fillo ten a obriga de vingar o pai, así mata primeiro a Existo e logo a nai, e asume o poder sobre Micenas. A triloxía da Orestíada (458 a C) presenta a traxedia dos atridas trala Guerra de Troia: Agamemnon, amosa o asasinato do pai de Electra a mans de Clitemnestra e Existo, usurpador do trono; en As coéforas aparece unha Electra xa adulta esperando a volta de seu irmán para executar a vinganza; e en As euménides Orestes é levado a xuízo perante o tribunal divino e é purificado no santuario de Apolo, en Delfos; malia cometer o matricidio por orde divina e ser perdoado polo deus, Orestes é perseguido polas furias. Nas traxedias de Sófocles, Electra asume o papel protagonista. En Electra aparece unha muller envellecida, solitaria e amargada, que se lamenta decote pola morte de seu pai; só vive coa esperanza de que regrese Orestes, a quen incita a vingar o asasinato de Agamemnon. Neste caso, Orestes actúa por propia decisión; regresa a Micenas para vingar a morte do pai e só consulta o oráculo para coñecer os medios con que contará para executar a vinganza. Despois do crime, en lugar de fuxir atormentado polas Erinias, congratúlase coa súa irmá. Eurípides tratou a heroína desde outra perspectiva. En Electra (413 a C) aparece unha muller angustiada e impulsiva que, tras casar contra a súa vontade cun labrego pobre, ten que levar unha vida anódina e miserenta; profésalle á nai un odio profundo, non só porque Clitemnestra asasinou a seu pai, senón tamén por vivir fastuosamente no palacio mentres ela estaba condenada a levar unha vida miserable; levada máis pola furia ca pola maldade, induce a seu irmán a cometer un matricidio do que ambos se arrepentirán. No Orestes (408) participa dos sufrimentos do seu irmán e loita ao seu carón contra o pobo que quere condenar a morte aos asasinos.