electrocinética
(
Parte da electricidade que estudia o comportamento das cargas eléctricas en movemento. Prodúcese unha corrente eléctrica, nun medio condutor, cando as cargas eléctricas se moven nunha dirección definida impulsadas por un campo eléctrico. Se un semicondutor se somete a unha diferenza de potencial, todas as cargas eléctricas se desprazan nunha mesma dirección co que constitúen a corrente eléctrica. As magnitudes que caracterizan a corrente eléctrica son a intensidade (I), a diferenza de potencial (V-V’) e a resistencia (R). Estas magnitudes relaciónanse mediante a lei de Ohm, I=V-V’/R. A diferenza de potencial necesaria para manter unha corrente eléctrica continua prodúcese por un xerador, que é un aparato que se caracteriza pola súa forza electromotriz (E). Un receptor é un aparato que transforma a enerxía eléctrica noutro tipo de enerxía que non sexa calor; este caracterízase pola forza contraelectromotriz (E’). Nun circuíto ramificado ou nunha rede pódense aplicar as leis de Kirchoff. A corrente eléctrica, a través dun condutor metálico, produce unha serie de efectos entre os que destaca o efecto Joule, que permite a conversión da enerxía cinética dos electróns en calor. O paso da electricidade a través dunha disolución constitúe a electrólise. A condución da electricidade a través dos electrólitos réxese polas dúas leis de Faraday. As pilas e os acumuladores fundaméntanse na electrólise. Os gases, que son illantes, pódense ionizar mediante axentes externos. Baixo a acción dun campo eléctrico prodúcese unha corrente eléctrica semellante ao caso da electrólise.