electrónico -ca

electrónico -ca

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao electrón.

  2. adx

    Relativo ou pertencente á electrónica.

  3. s

    Especialista en electrónica.

  4. música electrónica [MÚS]

    Técnica de composición producida ou modificada por medios electrónicos na que a principal fonte sonora son os xeradores eléctricos. A súa difusión comezou verdadeiramente despois da Segunda Guerra Mundial, aínda que ao redor do ano 1890 empezaron unha serie de intentos de construción de instrumentos electrónicos e posteriormente numerosos proxectos experimentais. P. Schaeffer foi un dos pioneiros neste campo, xunto con P. Henri, H. Eimert, director do Estudio de Música Electrónica de Colonia, e K. Stockausen. Entre os anos 1950 e 1960 apareceron estudios de música electrónica en Europa, EE UU e Xapón, e posteriormente fundouse en París o Institut de Recherche et de Coordination Acoustique/Musique (IRCAM), baixo a dirección de P. Boulez, con estudios para compoñer por computadora. O sintetizador de voltaxe controlada de Robert Moog representou un gran pulo para o estudo e para a composición, e unha renovación da música instrumental, do mesmo xeito que aconteceu na década dos oitenta cos sintetizadores dixitais. Nalgunhas obras utilízanse sons producidos de xeito exclusivo por aparellos electroacústicos, mentres que noutras, máis afíns á música concreta, se combinan e manipulan diversos sons naturais ou instrumentais previamente rexistrados en fita. Os sons xerados electronicamente poden ir dende a onda sinusoidal (o son musical máis puro) ata a máxima complexidade do son branco (son compacto que abrangue na simultaneidade todas as frecuencias audibles), pasando pola onda cadrada (de rico contido harmónico). A manipulación do material consiste, de forma básica, nun proceso de filtración, reverberación, modulación do anel (distorsión dos sons) e modulación de frecuencia. Tamén é posible a manipulación de cintas magnéticas. Outros compositores destacados foron E. Křenek, H. Pousseur, B. Maderna, G. Ligeti, L. Berio, L. Nono e J. Cage.