elemento

elemento

(< lat elementu)

  1. s m
    1. Cada unha das cousas que forman ou integran un todo.

      Ex: Hoxe na autoescola vannos ensinar os elementos que forman un motor. No comentario había que buscar os elementos poéticos da narración.

    2. Compoñente dunha agrupación ou colectivo.

      Ex: A introdución dun elemento estraño no ecosistema produciu graves consecuencias. Antón é un elemento imprescindible dentro da empresa.

    3. Cada unha das circunstancias ou partes dun conxunto que inflúe nunha situación ou resultado final.

      Ex: A separación dos pais foi un elemento fundamental no seu fracaso escolar. O francés é un elemento importante na súa educación.

  2. [MAT]
    1. s m

      Cada un dos obxectos, materiais ou ideais, que se poden considerar pertencentes a un conxunto.

    2. elemento absorbente

      Elemento z pertencente a un conxunto E, de xeito que para todo x se cumpre que zTx=xTz=z, onde T é unha determinada lei de composición. Un elemento absorbente recibe tamén o nome de cero respecto T.

    3. elemento neutro/idéntico

      Elemento e pertencente a un conxunto E dotado dunha operación interna ou dunha lei de composición T, de xeito que para todo xE se cumpre que eTx=xTe=x. Se este elemento e existe, é único.

    4. elemento simétrico

      Elemento x’ que cumpre que xTx’=xTx=e. Se esta propiedade existe, dise que x’ é o elemento simétrico (ou inverso) de x, xE, onde E é un conxunto dotado dunha lei interna T e dun elemento neutro e, e x, simetrizable. Se T é unha adición o elemento simétrico chámase oposto e se é unha multiplicación, inverso.

    5. método dos elementos finitos

      Método numérico que serve para resolver problemas de ecuacións diferenciais en derivadas parciais. Matematicamente, consiste nunha extensión da técnica de Rayleigh-Ritz-Galerkin. Este método apareceu nos anos sesenta arredor da aplicación dos ordenadores aos cálculos elásticos de estruturas, superando axiña os métodos de diferencias finitas, e amosouse moi potente, especialmente cando a xeometría do dominio ten unha incidencia importante sobre a solución.

  3. [QUÍM]
    1. s m

      Substancia que non se pode descompoñer noutras máis sinxelas mediante métodos químicos. Todas as outras substancias están formadas por proporcións definidas dos elementos existentes. A definición científica de elemento realizouna no s XVIII A. L. Lavoisier no seu Traité élémentaire de chimie (1789), onde figuran trinta elementos; entre eles, a luz e a calor. No seu Lehrbuch der Chemie (1818), J. J. Berzelius incluíu cincuenta elementos, entre os que non están nin a luz nin a calor. O concepto de elemento químico vai ligado ao de especie atómica (átomo), caracterizada por unha masa atómica determinada. No s XIX conseguiuse determinar a característica máis importante dun elemento químico, a carga do núcleo dos átomos que o compoñen; esta carga determina o número atómico e fixa o lugar do elemento na táboa periódica e a estrutura electrónica dos átomos, da que dependen as propiedades dos elementos. Os elementos químicos defínense como constituídos por átomos co mesmo número de protóns, situados no núcleo, e de electróns, repartidos nos orbitais atómicos extranucleares. A suma de protóns e de neutróns dá o peso atómico. Un mesmo elemento pódese presentar en forma de diversos isótopos, cun peso atómico diferente. Ademais dos elementos estables, presentes na natureza, hai outros que se desintegran ao longo do tempo, pero que se poden obter de xeito sintético, coma o tecnecio, de número atómico 43. Na táboa periódica, as fileiras denomínanse períodos, mentres que as columnas reciben o nome de grupos. Os átomos dos elementos dun mesmo grupo presentan unha configuración electrónica similar, isto reflíctese nunha semellanza de propiedades físicas e químicas. Á parte dos gases nobres, elementos que presentan propiedades ben diferenciadas, pódese clasificar o resto dos elementos en metais ou elementos metálicos e non metais ou elementos non metálicos; o carácter metálico localízase na rexión inferior esquerda da táboa e o non metálico na superior dereita. Os elementos que non pertencen claramente a ningún destes grupos reciben o nome de metaloides. Dentro do grupo dos metais, pódense diferenciar os metais dos grupos principais, os metais de transición e os metais de transición interna (serie do actínido e serie do lantánido). Os elementos desígnanse polo seu símbolo. Os métodos que conduciron ao descubrimento e, posteriormente, ao illamento dos novos elementos químicos evolucionaron considerablemente; aos métodos tradicionais de tipo químico-analítico engadiúselle, despois do 1859 grazas a G. Kirchhoff e a R. Bunsen, a análise espectral. Máis tarde, a análise dos espectros dos raios X, xunto coa lei de Moseley, fixo posible a determinación do número atómico dos elementos. A obtención de novos elementos é complexa, porque a súa duración media diminúe co número atómico. Ata o elemento 101, a detección podíase conseguir preparando sales do novo elemento e separando os ións con resinas de intercambio iónico. Cos últimos elementos, a detección débese facer estudiando os restos da desintegración radioactiva. Ata o momento actual descubríronse 112 elementos químicos. Malia as dificultades de síntese e de detección dos novos elementos, non se rexeita a posibilidade de que se amplíe a táboa periódica.

    2. elemento esencial

      Elemento químico necesario para o mantemento funcional ou estrutural dos seres vivos.

    3. elemento nativo

      Elemento químico que se pode localizar na natureza sen combinar con ningún outro elemento.

    4. elemento superpesado

      Elemento químico de número atómico superior a 109.

    5. elemento traza

      Elemento non esencial que aparece en cantidades mínimas en calquera tipo de material ou nos seres vivos.

  4. s m [FILOS]

    Substancias simples ou principais das que se compoñía, para os antigos, o universo físico. Os filósofos presocráticos formularon diversas teorías nas que afirmaban a existencia dun elemento básico do mundo, entre outros, a auga para Tales, o aire para Anaximandro e o lume para Heráclito. Empédocles formulou unha teoría na que afirmaba que o mundo estaba composto de catro elementos (auga, terra, aire e lume) dotados das características de permanencia e inmutabilidade do ser. Aristóteles engadiu un quinto elemento ou unha quinta esencia, o éter, que ocuparía o espazo celeste, situado no caparazón da lúa.

  5. s m

    Medio ou lugar no que vive ou se encontra a gusto un ser vivo.

    Ex: O aire é o elemento dos paxaros. Cando fala en público está no seu elemento.

  6. s m pl

    Forzas da natureza que poden producir accións violentas e incontrolables polo home.

    Ex: Naquela aventura o heroe tivo que loitar contra os elementos.

  7. s m

    Medios materiais necesarios para realizar unha cousa. OBS: Emprégase xeralmente en plural.

    Ex: Ó detective faltábanlle elementos para dar coa solución do crime.

  8. s m pl

    Principios fundamentais ou simples dun sistema en filosofía, en ciencia ou en arte.

  9. s m

    Persoa ou individuo valorado positivamente se vai acompañado dun adxectivo ou dun elemento cualificador ou con valor despectivo se aparece só.

    Ex: Recomendáronnos un elemento moi capaz para resolver o problema. A policía detivo algúns elementos sospeitosos.

    1. s m

      Cada un dos datos ou valores dos que depende un sistema de cálculo, sobre o que se basea unha conclusión.

    2. elemento dunha órbita [ASTRON]

      Cada un dos parámetros que determinan as características da órbita dun astro e a súa disposición no espacio, así como a posición do astro sobre esta órbita. No caso dos planetas e dos cometas periódicos, que seguen órbitas elípticas arredor do Sol, os elementos da órbita son seis: dous elementos que determinan a forma e o tamaño da elipse orbital, que son o semieixe maior a e a excentricidade e=c/a; dous que especifican a orientación da órbita no espacio, que son a inclinación i do plano orbital respecto ao plano da eclíptica e a lonxitude Ω do nodo ascendente N; un elemento que dá a orientación da órbita no plano orbital, que é o argumento do perihelio ω ou o ángulo entre o perihelio P e o nodo ascendente N; e, finalmente, un elemento que permite determinar a posición do planeta en órbita en función do tempo, que é a época do paso polo perihelio t 0 . Nos cometas, en lugar da excentricidade emprégase a distancia ao perihelio. No caso dun satélite que se encontre nun dos planetas do Sistema Solar, o plano de referencia respecto ao que se dá a orientación da órbita é o plano ecuatorial do planeta, e os elementos orbitais refírense ao planeta.

    3. elemento xeométrico dun cristal [FÍS]

      Cada un dos parámetros ou conceptos relacionados coa forma externa dun cristal. Pódese distinguir entre elementos reais e elementos ideais. Os elementos reais son os que se poden apreciar a simple vista (caras, arestas, vértices e ángulos). Os elementos ideais son os que se definen teoricamente para estudar o cristal, como os elementos cristalográficos (eixes e ángulos, entre outros) ou os de simetría (planos, eixes e centros de simetría).

  10. s m [FÍS]

    Cada unha das unidades que forman unha batería de pilas (elemento primario) ou de acumuladores (elemento secundario).

  11. s m [LING]

    Unidade discreta que pertence a un sistema determinado de calquera grao de abstracción. Segundo Malmberg, todo elemento é sistemático, pero tamén convencional. Depende, polo tanto, da natureza da lingua e do tipo gramatical que sobre ela se aplique (período, sintagma, locución, palabra, sílaba, morfema, fonema, morfofonema, trazo pertinente e outros).

  12. [INFORM]
    1. s m

      Convención de marcaxe nas linguaxes para a construción de páxinas web, refírese a unha etiqueta de marcaxe e ao texto contido no seu interior.

    2. elemento baleiro

      Aquel que non pode conter datos e para o que se emprega unha soa etiqueta.

    3. elemento pai

      Elemento que contén un ou varios elementos independentes no seu interior, denominados elementos fillos.

  13. elemento de inserción [XEN]

    Secuencia de ADN que se insire no xenoma aleatoriamente, e vai dun lugar a outro dentro do mesmo cromosoma ou dun cromosoma a outro dentro da mesma célula, cunha frecuencia maior ca a das verdadeiras mutacións. Algunhas destas secuencias reciben o nome de xenes móbiles ou transposóns.

  14. elemento florístico [BOT]

    Conxunto de especies vexetais que coinciden nunha mesma rexión florística.

Palabras veciñas

elemental | elementalidade | elementarismo | elemento | Elementos | elemí | Elena