Ellington, Edward Kennedy

Ellington, Edward Kennedy

Director de orquestra, compositor, arranxador e pianista de jazz. Coñecido co pseudónimo de Duke Ellington, estudiou arte decorativa antes de dedicarse á música e formar o grupo Duke’s Serenaders, que logo se convertería en The Washingtonians. Líder da orquestra, comezou as súas actuacións en distintos locais (Flamingo, Kentucky Club, Lafayette, etc) ata que a agrupación foi o grupo estable do Cotton Club (1927-1931). Adquiriu moita sona coas súas interpretacións cun estilo coñecido como jungle, caracterizado por determinados efectos sonoros obtidos coas trompetas e trombóns e cun repertorio dominado por melodías exóticas e polo blues. Fiel ás raíces musicais afroamericanas, harmonizou os ritmos latinos co swing e coa instrumentación orquestral. Tocou xunto a Jimmy Blanton, Ben Webster, Alvin Raglin, Billy Strayhorn, Lawrence Brown, Cootie Williams e Harry Carney, entre outros, e gravou con Louis Armstrong, Ella Fitzgerald, Count Basie, John Coltrane e Coleman Hawkins. É autor de bandas sonoras e gravou numerosos discos. Das súas composicións destacan Black and Tan Fantasy (1927), The Mooche (1928), Mood Indigo (1930), Caravan (1937), Perfume Suite (1945), 70th Birthday Concert (1969) e New Orleans Suite (1970).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Washington

  • Deceso

    Lugar : Nova York