Elliott, John Huxtable
Historiador inglés. Educado en Eton, doutorouse en Historia pola University of Cambridge (1952). Foi profesor do Trinity College de Cambridge, do King’s College da University of London, do Institute for Advanced Study de Princeton e da University of Oxford, da que foi regius professor entre 1990 e 1997. Especializouse en historia moderna europea, con especial atención á historia de España dos ss XVI e XVII. Destacan as súas Imperial Spain, 1469-1716 (España Imperial, 1469-1716, 1963), The Old World and the New, 1492-1650 (O vello mundo e o novo, 1492-1650, 1970), The Count-Duke of Olivares (O conde duque de Olivares, 1986) e The Hispanic World (O mundo hispánico, 1991). Recibiu, entre outros galardóns, o de doutor honoris causa polas universidades de Barcelona, Autónoma de Madrid, València, Lleida, Xénova, Portsmouth, Warwick e Brown; os premios Wolfson de Historia (1986), o Elio Antonio de Nebrija (1993), o Príncipe de Asturias de ciencias sociais (1996) e o premio de historia da International Balzan Foundation (1999); recibiu a Gran Cruz de Alfonso X el Sabio, a Gran Cruz de Isabel la Católica, a Medalla de Honra da Universidad Internacional Menéndez Pelayo, a Medalla de Ouro ás belas artes e foi nomeado sir pola raíña de Inglaterra. Foi membro da Real Academia de Historia, da British Academy, da American Academy of Arts and Letters e da American Philosophical Society.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Reading, Berkshire