embarazo

embarazo

(< embarazar)

  1. s m

    Dificultade para a realización de algo.

    Ex: Na administración non poñen máis ca embarazos á hora de pedir axudas.

    Sinónimos: atranco, impedimento. Confrontacións: pexa.
  2. s m

    Turbación ou falta de soltura no que se está a realizar.

    Ex: A pesar dos anos sempre que actúa sente moito embarazo.

    Antónimos: desembarazo.
    1. s m [FISIOL]

      Estado da muller embarazada que comprende o período que vai dende a implantación do óvulo fecundado ata o parto, en que o embrión se nutre a expensas do organismo materno a través da placenta. A duración media é de 40 semanas, cunha dobre desviación típica de 9 2 semanas, contadas a partir do primeiro día da última menstruación. O embarazo produce un conxunto de modificacións tanto anatómicas como funcionais que afectan a todo o organismo materno e representan a resposta fisiolóxica ás esixencias hemodinámicas, endócrinas e metabólicas do feto. O ovario é máis grande como consecuencia da persistencia do corpo lúteo durante o primeiro trimestre, a trompa de Falopio queda ocluída por un tapón mucoso, o útero aumenta de peso e de capacidade (de 50-65 g a 1.000 g e de 3-5 cc a 4.000-5.000 cc), as fibras musculares do miometrio aumentan en número e tamaño, o endometrio transfórmase nunha mucosa secretora chamada decidua, o colo uterino abrándase e acúrtase de forma progresiva e queda pechado por un tapón mucoso que impide o paso de xermes ao útero, as mamas aumentan de tamaño e peso e aumenta tamén o seu tecido glandular, e a lordose lumbar esaxérase como consecuencia do aumento de peso do ventre. Estes cambios desaparecen despois do parto, algúns de forma rápida e outros gradualmente, durante o puerperio. Durante a primeira metade do embarazo, a diagnose clínica fundaméntase nun conxunto de síntomas maternos, que son de dous tipos: os signos de presunción ou xerais, entre os que cómpre destacar os mareos, as náuseas, os vómitos, a intolerancia de certo tipo de alimentos, a modificación do carácter e tensión nas mamas; e os signos xenitais de probabilidade, entre os que os máis importantes son a amenorrea, o aumento de volume, o cambio de forma e abrandamento do útero e a coloración violácea vulvo-vaxinal. No transcurso da segunda metade aparecen os signos fetais, chamados tamén de certeza, entre os que están os movementos activos e pasivos do feto, xunto coa auscultación dos latexos cardíacos fetais e a radiografía fetal. Para unha diagnose precoz utilízanse métodos de laboratorio moito máis específicos, entre os que cómpre sinalar o de Galli-Mainini e os inmunolóxicos.

    2. embarazo ectópico [PAT]

      Embarazo en que o embrión se desenvolve fóra da cavidade uterina. Pódense distinguir entre intrauterinos (o intersticial e o cervical) e extrauterinos (o tubárico, o ovárico e o abdominal). A localización máis frecuente é a tubárica. Este tipo de embarazo é inviable e a miúdo require dunha solución cirúrxica.

    3. embarazo eutópico [FISIOL]

      Embarazo normal en que o óvulo fecundado está implantado na cavidade uterina.

    4. embarazo falso/espurio [PAT]

      Estado patolóxico que simula un embarazo e que pode orixinar erros na diagnose. Tamén se denomina pseudo-ciesi.

    5. embarazo nervioso/histérico [PAT]

      Fenómeno psicosomático caracterizado por un conxunto de signos físicos, como inchazón de ventre e mamas, amenorrea ou náuseas, que evocan un embarazo, pero que se dan nunha paciente que non está realmente embarazada.

    6. proba de embarazo [BIOQ]

      Proba inmunolóxica para detectar a presencia da hormona gonadotropina coriónica (HGC) nos ouriños da muller embarazada.

Refráns

  • A muller preñada, aos tres meses encobre e aos catro quere e non pode.
  • Á muller primeiriza, primeiro se lle coñece no peito que na barriga.
  • Cando o meniño endentence, axiña irmanece.
  • Cando un neno endentece, outro irmán remanece.
  • Enfermidade de nove meses nas mulleres cúrase antes dos dez meses.
  • Galiña choca ovos non pon.
  • O caldo das paridas non lle fai mal ás preñadas.
  • O ovo ben batido incha coma a muller co bo marido.
  • Parto inchado, parto abenzoado.
  • Se o teu fillo comeza a endentecer, xa podes arranxarte para outro fillo ter.