embolia
(<émbolo)
-
s
f
[PAT]
Obstrución brusca dun vaso sanguíneo arterial, venoso ou capilar, por un émbolo que circula pola corrente sanguínea, que, ao ter maior tamaño ca o vaso, impide que o sangue circule polo mesmo. Isto provoca que a zona próxima ao vaso afectado quede sen fluxo sanguíneo e sen osíxeno, feito que ocasiona danos nos tecidos. Dependendo de onde teña lugar a oclusión, os cadros varían e tamén as manifestacións clínicas. Cando o émbolo se para nunha arteriola, a miúdo a circulación colateral restablece o fluxo sanguíneo; se a arteria obstruída é dun calibre importante ou a rexión irrigada efectúa funcións esenciais, o trastorno pode ser mortal. A embolia cerebral prodúcese por unha obstrución dunha arteria do cerebro, que causa un abrandamento da parte irrigada pola mesma e produce unha perda das funcións nerviosas centrais da zona; a embolia pulmonar prodúcese pola obstrución dunha ou máis arterias pulmonares, principais ou periféricas, e ocasiona o infarto pulmonar. O émbolo pode ser de natureza líquida, sólida ou gasosa, e ter múltiples orixes, como bacterias, burbullas de aire, materiais ateromatosos, etc. Os síntomas son dor, palidez, ausencia de pulso, parálise e alteracións da sensibilidade.
-
s
f
[BIOL]
Tipo de gastrulación que presentan os ovos con segmentación total e igual. Prodúcese unha invaxinación que transforma a mórula en gástrula.