Émile
Novela pedagóxica (1762), en cinco partes, de Jean-Jacques Rousseau. O seu título orixinal é Émile ou De l’éducation, aínda que tamén se coñece co nome abreviado de Émile (ou Emilio). Prohibida inmediatamente polo Parlamento de París (máis tarde tamén en Xenebra, Holanda e Berna), este ordenou a súa detención. O autor fuxiu primeiro a Suíza e posteriormente a abandonou para refuxiarse en Môtiers-Travers, en Neuchâtel, baixo a protección de Federico II de Prusia. Rousseau establece no Émile as características da educación para unha sociedade integrada por cidadáns libres, en oposición ao utilitarismo e a toda forma de aristocratismo ideolóxico ou político. Fronte á cultura racionalista, propia do espírito xeral da Ilustración, propón un modelo educativo que siga e fomente os procesos naturais humanos sen alteralos e que se basee nos sentimentos naturais do amor a si mesmo e aos demais. Segundo Rousseau, tres son os postulados que deberían guiar a acción educativa: considerar os intereses e capacidades do neno, estimular o seu desexo de aprender e analizar qué e cándo se lle debe ensinar en función das súas etapas de desenvolvemento. Rousseau debuxa a figura ficional e literaria dun rapaz de familia acomodada que é educado por un preceptor particular, que toma en consideración os anteriores postulados nun contexto natural e non interferido pola sociedade, con todas as limitacións que o autor vía nela. Así á educación física, súmase a propiamente intelectual e tamén a afectiva, que se completa coa presenza da figura dunha rapaza, Sophie, dun modo que actualmente se rexeitaría dadas as diferencias de xénero que Rousseau introduciu. Máis alá de indicacións inadecuadas, ou doutras utópicas, Rousseau, que no mesmo ano publicou Du contrat social ou Principes du droit politique, provocaría con esta novela unha importante conmoción intelectual en canto ao modo e aos contidos propios da educación infantil e adolescente. As súas posicións aguilloaron, sen dúbida, o avance de postulados que conduciron á formulación da pedagoxía contemporánea: paidocentrismo, activismo, educación integral e gradualismo en canto ás intervencións pedagóxicas.