Emilia
Rexión histórica da Italia setentrional que, xunto coa Liguria, formou unha provincia romana ata o s IV. A súa denominación derivou da Via Aemilia, construída no 187 a C baixo o consulado de Marco Emilio Lepido, que conquistou a rexión. Trala caída do Imperio Romano foi sometida polos lombardos. A rexión situada ao L de Panaro pasou a depender do exarcado de Ravenna dende o 568 e máis tarde Pipino outorgoulla á Igrexa. A doazón converteuse en definitiva con Otón. Na Idade Media, o poder político fragmentouse en estados e señoríos, entre outros, os ducados de Parma, Piacenza, Modena, Reggio e Ferrara e os Estados Pontificios. No s XVIII a rexión dividiuse e Parma e Piacenza sometéronse á autoridade dos Borbóns españois. Conquistada por Napoleón I (1796), constituíu a República Emiliana, pero o Congreso de Viena (1815) desmembrouna. Reunificada baixo L. Farini (1859), anexionouse ao Reino de Italia o 18 de marzo de 1860. Como rexión administrativa unida á Romaña constitúe a Emilia-Romaña.