Emiratos Árabes Unidos
Federación de sete estados independentes da costa oriental da Península Arábiga. Limita ao N con Qatar e o Golfo Pérsico, ao L con Omán e o golfo de Omán, e ao S e O con Arabia Saudí (83.600 km2; 2.900.000 [estim 2000]). Esténdese entre os 27° e os 22° de latitude N e os 51° e os 57° de lonxitude L. A capital é Abū Zabī.
Xeografía física
O relevo ondulado é na súa maior parte desértico, con escasos oasis e wadis (leitos de ríos secos e pedregosos). Na liña costeira, por mor da escasa profundidade da auga, fórmanse numerosas illas coralinas e bancos de area. O clima é desértico, moi árido e con temperaturas elevadas.
Medio ambiente
A fauna e flora é a típica de dunas, chairas salinas e oasis, onde destacan pola súa singularidade e escaseza, algúns mamíferos como o antílope arábigo e o caracal. Na costa, as praias intercálanse con enseadas, onde aparecen formacións de mangleiros, que constitúen importantes puntos de paso e invernada para un gran número de aves acuáticas migratorias.
Xeografía económica
Economía
As principais actividades económicas son a recollida de dátiles, a pesca e a cría de camelos, pero a maior parte da poboación activa (1.189.000 [1999]) está ocupada na industria do petróleo. A maioría dos estados deron concesións para a extracción de petróleo pero só Abū Zabī, Dubai e en menor medida Al-Šāriqa, dispoñen de xacementos importantes; os estados que carecen de petróleo reciben axuda financeira da capital. En 1997 a produción de petróleo era de 103.820.000 tm ao ano e a de gas natural de 25.430.000.000 m3 (1995). Cos ingresos obtidos coa exportación de petróleo financiouse a construción dunha fundición de aluminio en Dubai. En Al-Šāriqa edificáronse un complexo industrial e diversas instalacións para transportar o gas natural. Nos últimos anos desenvolvéronse diversos sectores industriais, principalmente os de elaboración de cementos, metalurxia e desalinización de auga. A inflacción en 1997 era do 3,3% renda por habitante de 17.870 $ USA (1998). Debido ás características climáticas, a agricultura é practicamente inexistente, con pequenas plantacións de tabaco, froitas (dátiles e cítricos) e hortalizas. A moeda oficial é o dirhem.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un claro signo positivo. Os principais produtos de exportación son o petróleo, o gas natural e os dátiles, que acadaron no 2000 un valor de 46 billóns $ USA. Os principais clientes son Xapón, India, Omán e Irán. En canto aos produtos importados, destacan a maquinaria e os materiais de transporte procedentes de EE UU, Xapón e Alemaña.
Transportes e comunicacións
As comunicacións terrestres están pouco desenvolvidas, só dispón de 4.835 km de estradas (1996) e ningún ferrocarril; a mariña mercante está formada por 322 unidades (1999). Os principais portos son Dubai e Abū Zabī.
Xeografía humana
Demografía
O crecemento demográfico no período entre 1994-1999 foi importante (4,8%), principalmente pola expansión dos emiratos máis pequenos, debido a un índice de mortalidade baixo (3,1‰ [1998]). O crecemento natural sitúase no 15‰ (1998), cunha taxa de mortalidade infantil do 14,8‰ no mesmo ano. Na estrutura por idades o 28,86% da poboación ten menos de 15 anos, o 68,74% entre 15-64 anos e o 2,4% máis de 60 anos.
Poboamento
A densidade media da poboación e de 35 h/km2, concentrada principalmente nas cidades costeiras e nos oasis do interior. Ten unha alta porcentaxe de poboación urbana (85,9% [2000]). As principais cidades son Abū Zabī, (363.432 h [1989]), Dubai (585.189 h [1989]), que é o centro comercial da unión, e Ra’s al- Ḥ ayma (42.000 h [1989]).
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
Os árabes representan o 35% da poboación, dos que o 13% proceden doutros países, principalmente de Exipto, e o resto está formado por un 17% de indios e un 5% de raza branca. Hai unha gran cantidade de emigrantes da India, Paquistán e Bangladesh. A lingua oficial é o árabe, pero tamén se fala o farsi (ou persa), o inglés (lingua franca), o baluchi, o hindi, o urdu e o pashto. As relixións maioritarias son a musulmá (96%) e a cristiá (3,8%). En canto á educación, é obrigatoria entre os 6 e 12 anos.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba os Emiratos Árabes Unidos entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o posto 45 cun índice do 0,809). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 74,8 anos, o índice de alfabetización de adultos é do 75,1% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 68%, e o PNB real por habitante (PPA) é de 18.162 $ USA.
Goberno e política
O 2 de decembro de 1971 os emiratos de Abū Zabī, Dubai, Al-Šāriqa, ‘A ǧ mān, Al Fu ǧ ayra e Umm al Qaywayn proclamáronse independentes do Reino Unido e adoptaron a Constitución Federal dos Emiratos Árabes Unidos. O emirato de Ra’s al- Ḥ ayma uniuse en febreiro de 1972 e constituíron a federación. Dotados orixinalmente cunha Constitución Provisional (2.12.1971), en xuño de 1996 aprobouse a Constitución Permanente que a substituíu. A principal autoridade federal é o Consello Supremo dos Emiratos, formado polos gobernantes dos sete emiratos, que nos seus territorios gozan de poderes case absolutos que transmiten de xeito hereditario. As decisións requiren a aprobación de, alomenos, cinco dos emires e os emiratos de Abū Zabī e Dubai teñen o dereito de veto. O Consello Supremo elixe o presidente e o vicepresidente entre os seus membros, e o presidente nomea o primeiro ministro e o Consello Federal de Ministros que exercen o poder executivo. O poder lexislativo desempéñao o Consello Nacional Federal, unha asemblea unicameral de carácter consultivo formada por corenta membros nomeados polos emires para un período de dous anos, que se ocupan de examinar as leis propostas polo Consello de Ministros. O sistema xudicial definido pola Constitución Provisional (1971) baseábase nunha Corte Suprema Federal, designada polo presidente, e no que se integraron todos os emiratos coas excepcións de Dubai e Ra’s al- Ḥ ayma. Conta ademais con diversos tribunais de primeira instancia. Seguen a lei tradicional islámica nos tribunais do civil, do criminal e no Tribunal Supremo. En xuño de 1996 aprobouse a Constitución Permanente. Non existen partidos políticos nin eleccións. A pena de morte está en vigor. Segundo informes elaborados por Amnistía Internacional, no 2001 produciuse unha morte baixo custodia policial e a desaparición de catro libios detidos polas autoridades. Ratificou ou adheriuse á Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial e asinou o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional (2000). Forma parte dos organismos internacionais Consello de Cooperación do Golfo (CCG), Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU e OPEP.
Historia
Os primeiros poboadores
Os primeiros restos de asentamentos datáronse no IV milenio a C, e no III milenio a C (Idade do Bronce) desenvolveuse a cultura de Umm An-Nar. No I milenio a C (Idade do Ferro) os restos son abundantes: unha aldea preto de Al Tuqaibah, establecementos urbanos en Mileīhah, sepulcros en Jabel Buhays e unha comunidade en Kush, que continuou durante os primeiros tempos do Islam. O poboamento continuou entre o s III a C e o s III d C, como testemuñan os numerosos restos localizados nas grandes estruturas do xacemento de Mileīhah, principal mostra do derradeiro período preislámico. Neste xacemento descubríronse numerosos restos de orixe grega (cerámica negra da Ática e ánforas xonias de brazos estampadas) que confirmaron a difusión da cultura grega ata Al-Šāriqa e Al-Dour, no emirato de Umm al Qaywayn. No s II d C estendéronse polo territorio tribos de beduínos, orixinarias do S de Arabia e do Iemen, en dous grandes movementos polas áridas extensións do Rhu al-Khali (Territorio Baleiro). No s VI d C a poboación dividíase en dous grandes grupos, un establecido ao redor dos oasis e nas costas, dedicados á agricultura e ao comercio, e as tribos de nómades beduínos dedicados á cría de gando (cabras, ovellas e camelos), que sometían polas armas aos outros grupos.
Do imanato ibadí ao Imperio Otomano
Os grupos nómades convertéronse ao Islam en vida de Mahoma e afianzaron o seu poder, pero despois da morte do profeta, víronse implicados nas disputas dinásticas que se sucederon ata que a seita dos ibadís creou o imanato de Omán a mediados do s VIII. A finais do s IX os califas abbásidas suprimiron o imanato e, malia a paulatina conversión cara ao rito sunnita do Islam, os ibadís representaron un importante grupo de poder. Na Idade Media os portos do Golfo convertéronse nun punto de enlace nas rutas que viñan de China e continuaban cara ao Mar Vermello seguindo as cadeas de oasis. Trala chegada de Vasco da Gama (1498), iniciouse unha nova etapa na que os portugueses se estableceron na costa leste (1507) e construíron fortificacións en Kalba, Khor, Fakkan e Dibba, para controlar o tráfico das especias. Os beduínos bani yas, orixinarios do oasis de Līwā, uníronse a outras tribos de Omán e expulsaron os portugueses (1633). Os ibadís recuperaron o poder coa dinastía Yaribi, ao tempo que se desenvolvía un activo comercio e se incrementaba a piratería sobre a principal ruta marítima do tráfico comercial europeo. Dende o s XVIII incrementouse a presenza naval británica na zona para limitar os ataques piratas da confederación tribal dos qawasim, un clan que estendía a súa influencia pola beira persa do Golfo Pérsico. Nos territorios do interior a tribo dos bani yas fíxose co poder e trasladouse a Abū Zabī (1793), onde continuaron desenvolvendo as actividades tradicionais dos beduínos (a gandería de camelos, a agricultura a pequena escala e os ataques a outras tribos). Ademais, cobraban unha taxa de protección ás caravanas que cruzaban os seus territorios e despois da prohibición do tráfico de escravos polos británicos, continuaron co seu comercio ata a década de 1950.
O dominio británico
Os británicos emprenderon unha campaña na que destruíron ou capturaron todos os barcos dos qawasim e impuxéronlles o Tratado Xeral de Paz a nove dos xeques de Arabia (1820), deste xeito aseguraron a ruta cara á India, establecendo bases nas costas e unha gornición para asegurar a zona. No 1853 os británicos asinaron un tratado cos pequenos estados entre os que se incluían Abū Zabī, Dubai e Al-Šāriqa, e os xefes locais, polo que os ingleses adquiriron o dereito de representación internacional dos emiratos e, a cambio, garantían a soberanía e autonomía internas. No 1892 asinaron un acordo polo que o Reino Unido asumía todas as responsabilidades sobre a defensa destes reinos e as súas relacións exteriores, mentres que conservaban unha autonomía absoluta no goberno interno. A súa poboación, composta por mariñeiros, pescadores de perlas e beduínos, non experimentou cambios notables baixo o dominio británico. O acordo mantívose nos mesmos termos ata que as ambicións doutras potencias como Rusia, Francia, Alemaña e a expansión de Arabia obrigaron aos británicos a establecer un dominio claro sobre Bahrain, Omán e Kuwait (1914). O final da Primeira Guerra Mundial supuxo a desaparición do Imperio Otomano e o Reino Unido conservou o seu dominio sobre a Península de Arabia e as súas costas, que se converteron en importantes bases das novas rutas aéreas. O incipiente desenvolvemento das prospeccións petrolíferas rompeu a independencia interna e a tranquilidade destes emiratos e obrigou a definir os límites xeográficos para realizar as posteriores concesións. A primeira concesión para a explotación petrolífera asinouse en 1939, pero non foi ata despois da Segunda Guerra Mundial cando se descubriron os xacementos de petróleo de Abū Zabī (1958), Dubai (1966) e Al-Šāriqa (1974). No 1952 creouse un organismo local, o Consello da Tregua, formado polos dirixentes dos sete emiratos co obxectivo de adoptar unha política común na administración orientándose cara a unha federación. A explotación comezou en Abū Zabī no 1962 baixo o control do Reino Unido e dos EE UU, que se uniron para manter o dominio sobre os xacementos dos estados do Golfo. En 1968, o Reino Unido anunciou a retirada das forzas militares da rexión en 1971 e comezou a organización dunha federación na que estaban incluídos Bahrain e Qatar, que finalmente non se adheriron. Ao mesmo tempo creouse a OPAEP como una rama da OPEP, e integrada exclusivamente polos estados árabes exportadores de cru.
A monarquía independente
En decembro de 1971 constituíuse o Estado federal integrado por seis dos sete principados da chamada Costa dos Piratas: Abū Zabī, Dubai, Al-Šāriqa, ‘A ǧ mān, Umm al Qaywyn e Al Fu ǧ ayra. Ra’s al- Ḥ ayma uniuse á federación no 1972. O xeque de Abū Zabī, Zayed ben Sultan el Nahyan, foi elixido primeiro presidente da Federación, que se dotou dun Consello Supremo constituído polos soberanos dos principados e dun goberno federal. O novo estado enfrontouse nun conflito fronteirizo con Irán que ocupou as illas do estreito de Ormuz. Na primeira década despois da independencia a produción de petróleo medrou de xeito constante nos tres emiratos máis importantes (Abū Zabī, Dubai e Al-Šāriqa), ao tempo que a taxa de crecemento anual superou o 10% e aumentou a participación nacional no control da explotación. Como consecuencia, produciuse un crecemento espectacular das cidades que se dotaron de modernas infraestruturas viarias e de servicios, e provocou tamén a chegada de numerosos inmigrantes para traballar na rexión. O xeque de Abū Zabī, Zayed ben Sultan el Nahyan resultou reelixido en 1976 e 1981, mentres que o emir de Dubai, xeque Rashid bin Said al-Maktum, foi designado primeiro ministro, reelixido en 1979 e 1981, e limitou as tensións cos emiratos máis pobres polo centralismo no goberno. Na guerra entre Iraq e Irán (1980-1988) apoiou a Iraq, pero conservou as relacións diplomáticas con Irán e ofreceuse como mediador entre ambos países. En outubro de 1990 morreu o vicepresidente e primeiro ministro, o xeque Rashid bin Said al-Maktum de Dubai, a quen sucedeu o seu fillo máis vello, o xeque Maktum bin Rashid al-Maktum.
A Guerra do Golfo e a crise
Durante a Guerra do Golfo de 1990 os Emiratos Árabes Unidos apoiaron os ataques contra Iraq, e entregaron 3.300 millóns de dólares aos EE UU e ao Reino Unido para colaborar na liberación de Kuwait. A guerra desestabilizou a súa economía e dende 1991 emprenderon novos plans que buscaban a diversificación e unha redución da dependencia do petróleo e do gas, ao tempo que ampliaron os seus contactos internacionais e as relacións diplomáticas. Entre outras medidas, abriron o porto de Djebel a máis de 260 compañías estranxeiras. A política de mediación de Siria permitiu a limitación das reivindicacións de Irán sobre as illas do estreito de Ormuz e o regreso dos árabes expulsados. Na década de 1990 a súa poboación adquiriu un carácter heteroxéneo no que os cidadáns árabes de diversas orixes supuñan só unha cuarta parte do total, mentres que os inmigrantes de Bangladesh, Paquistán, Sri Lanka e Irán constituían grupos moi numerosos. A extensión do fundamentalismo islámico nos Emiratos foi notoria dende 1993 e, en febreiro de 1994, o presidente, xeque Zayed ben Sultan el Nahyan, estendeu a sari’a (lei islámica) a numerosos delitos que ata entón xulgaban os tribunais civís. O goberno sufriu numerosas denuncias referidas á violación dos dereitos humanos, ao tempo que se ampliaban as limitacións dos dereitos dos estranxeiros e en 1996 o presidente esixiu a saída do país de todos os emigrantes ilegais. Asinaron acordos de defensa militar cos EE UU (1994) e Francia (1995), e os investimentos en infraestruturas orientadas cara ao turismo (hoteis, restaurantes, portos libres e aeroportos) aumentaron en 1997, mentres que a porcentaxe do sector petrolífero no PIB se reduciu ao 69%. O xeque Zayed ben Sultan el Nahyan foi reelixido presidente en marzo de 1997 e tivo que enfrontarse ao descenso nos prezos do petróleo, froito das crises asiática e rusa. O goberno tentou reducir o gasto, con escasos resultados, e experimentaron un descenso do PIB do 5,5 % no 1998. Malia a suba no prezo do petróleo de 10 a 25 dólares no 1999, non puido conter o déficit que chegou ao 41% nese ano. Xunto a estes problemas económicos, a apertura en Omán do porto de Salalah (1998) e dunha nova terminal do porto de Adén en marzo de 1999, supuxeron unha dura competencia para Dubai e o porto de Djebel. As autoridades decidiron continuar coa política de restrición da inmigración. A hospitalización do presidente do emirato xeque Zayed ben Sultan el Nahyan nos EE UU en setembro de 2000 desatou as especulacións sobre o seu sucesor á fronte da federación. En novembro foi substituído na reunión da CCG polo vicepresidente, primeiro ministro e xeque de Dubai, Maktum bin Rashid al-Maktum.