Empúries
Antiga cidade na costa do golfo de Roses, no municipio de l’Escala (Girona). Comprende unha factoría grega (Paleápolis), establecida no s VI a C polos gregos de Focea nun antigo illote, onde se sitúa a vila de Sant Martí d’Empúries, unha cidade grega, a carón da praia, que foi denominada modernamente Neápolis, e unha cidade romana que xurdiu durante os ss II e I a C, xunto á Neápolis grega. A factoría de Paleápolis estableceuse pouco despois do 600 a C e, ao redor do 550 a C, constituíuse unha pequena cidade que contaba coas defensas naturais dos ríos Fluvià e Ter. Desenvolveu unha notable actividade comercial cos pobos indíxenas do seu contorno e deixou unha fonda pegada na súa cultura. O proceso de romanización, que se iniciou co desembarco dun exército dirixido por C. Cornelio Escipión na Segunda Guerra Púnica (218 a C), orixinou a constitución dunha nova cidade (100 a C) ao redor do campamento militar. Durante o goberno do Emperador Octavio Augusto uníronse as cidades grega e a romana co nome de Municipium Emporiae. Abandonouse na segunda metade do s III d C. En canto ao patrimonio cultural, cómpre destacar a estatua de Asclepio ou Escolapio, localizada no lugar que ocuparan os templos e os restos do foro romano.