ENCE [Empresa Nacional de Celulosas]
Empresa de fabricación de pasta de celulosa e derivados. Iniciouse coa creación, por parte do antigo Instituto Nacional de Industria (INI), da Empresa Nacional de Celulosa de Pontevedra, a Empresa Nacional de Celulosa de Huelva e a Empresa Nacional de Celulosa de Motril en 1957, que se fusionaron en 1968 nunha soa Empresa Nacional de Celulosas, que en 1972 adquiriu a fábrica de celulosas de Miranda de Ebro. En 1968 creouse a filial Electroquímica del Noroeste SA (ELNOSA), situada no complexo industrial de Pontevedra e produtora de cloro, sosa caústica, ácido clorhídrico e hipoclorito sódico. Entre os anos 1977 e 1978 constituíronse as filiais forestais IBERSILVA e NORFOR. Entre 1986 e 1987 desinvestiuse nas fábricas de Motril e Miranda de Ebro. A principios dos anos noventa tivo lugar a súa saída a bolsa e a parcial privatización da empresa. Estendeuse pola área sudamericana coa creación do proxecto forestal EUFORES, en Uruguay, e a constitución da filial madeireira Las Pléyades. En 1998 adquiriu Celulosas de Asturias SA (CEASA) e constituíronse as sociedades Eucalipto de Pontevedra SA e Terminal Logística e Industrial M’Bopicuá SA. No ano 2000, NORFOR conseguiu os dereitos de superficie do viveiro de Figueirido durante trinta anos. O 2001 foi o ano da privatización total da empresa e da entrada de novos accionistas, co que se converteu no primeiro propietario europeo de bosques produtores de eucalipto e no segundo subministrador mundial de celulosa desta especie arbórea.