encéfalo

encéfalo

(< gr ἕγκέϕαλος  ‘cerebro’, de ἐν ‘en’ + κεϕαλή ‘cabeza’)

s m [ANAT/FISIOL]

Parte do sistema nervioso central dos vertebrados contido na cavidade interna do cranio, que comprende as vesículas cerebrais formadas a partir do engrosamento do extremo cefálico do tubo neural. En todos os vertebrados presenta un mesmo plano estrutural xeral, pero coas variacións propias de cada grupo. O maior grao de complexidade é o acadado polo ser humano, cun encéfalo constituído por uns 35.000 millóns de neuronas, que poden recibir impulsos, cada unha delas, dende varias decenas de miles de sinapses ao mesmo tempo. Durante o desenvolvemento embrionario, o encéfalo aparece coma un pequeno engrosamento no extremo cefálico do tubo neural que posteriormente se divide en tres partes, cada unha delas relacionada cun ou máis órganos dos sentidos, así o encéfalo anterior ou prosencéfalo, co olfacto; o encéfalo medio ou mesencéfalo, coa vista; e o encéfalo posterior ou rombencéfalo, co oído e o equilibrio. Na parte máis posterior do prosencéfalo, ou diencéfalo, diferénciase: o tálamo, de forma oval, que é o principal centro de análise e transmisión sensorial, e o hipotálamo, que regula o metabolismo e a maior parte das accións involuntarias. A parte anterior do prosencéfalo, ou telencéfalo, está constituída polo cerebro, orixinalmente relacionado co olfacto. O mesencéfalo está formado principalmente polos lóbulos ópticos, que regulan a actividade dos ollos e actúan tamén como centros de destino e análise da información auditiva. No rombencéfalo distínguese unha parte anterior, ou metencéfalo, na que se localiza o cerebelo, que coordina os movementos musculares e o equilibrio, e a ponte, que é un groso feixe de fibras que comunica o impulso dun lado do cerebelo ao outro; e unha parte posterior, ou mielencéfalo, na que está o bulbo raquídeo, que se encarga de regular as actividades vitais como os movementos respiratorios e cardíacos, a deglutición e o ton vasomotor.