Encrobas, conflito das
Levantamento campesiño que tivo lugar entre 1974 e 1977 nas Encrobas (Cerceda), como consecuencia das expropiacións para a explotación das minas de lignitos da parroquia. En 1974, FENOSA constituíu Lignitos de Meirama SA (LIMEISA) e conseguiu do goberno a autorización para a expropiación forzosa das terras agrícolas. Un ano máis tarde, o goberno e FENOSA asinaron a acta pola que esta se comprometía a explotar a mina para alimentar a central térmica de Meirama. Os veciños, liderados polo sacerdote Ramón Valcarce, manifestáronse en agosto de 1976 ante o Goberno Civil da Coruña e en febreiro de 1977 opuxéronse á ocupación das terras, mentres non se lles prometese o traslado da poboación. As cargas da Garda Civil provocaron varios feridos, aínda que levaron a FENOSA á procura dun acordo cos propietarios.