Encrobas, San Román das
Encrobas, San Román das
Igrexa parroquial situada en Cerceda. Construída no s XII en estilo románico, reformouna en 1720 un mestre de Santiago de Compostela. Consta dunha soa nave e ábsida rectangular que, orixinariamente, estaba cuberta por unha bóveda de canón apuntada. O arco triunfal é apuntado e apóiase en semicolumnas pegadas. Cóbrese a dúas augas. Da primitiva construción consérvanse as seteiras que se abren nos muros, os contrafortes prismáticos do exterior da ábsida e o rosetón da fachada principal. Nesta destaca tamén a espadana dun só corpo e dous vans, e a cruz que a coroa. A porta norte está formada por un arco semicircular co lintel decorado con catro bastóns e unha cruz.