Encrucillada
Encrucillada
Publicación bimestral aparecida en Ferrol en febreiro de 1977 e subtitulada “Revista galega de pensamento cristián”. Fundada e dirixida por Andrés Torres Queiruga, editouse baixo o selo de SEPT. Tivo a súa orixe na revista pontevedresa Logos, próxima ideoloxicamente ao Partido Galeguista, que nesta nova andaina naceu con vocación independente, marcada pola súa liña cristiá e progresista, como proxecto aberto e integrador para a Igrexa en Galicia que, a través dos seus artigos, realiza unha profunda reflexión teolóxica e de pensamento. Informa sobre a teoloxía da liberación, as reflexións teolóxicas sobre o nacionalismo galego e diversos debates sobre a implantación da liturxia en galego, e analiza o papel da lingua galega na sociedade.