endosimbiose
(< endo- + simbiose)
Simbiose celular que implica a asociación física de organismos de diferentes especies. A teoría da endosimbiose propón que as células eucariotas derivaron de comunidades bacterianas altamente integradas nas que dous ou máis tipos de simbiontes coevolucionaron co tempo e se integraron nun só organismo, coa capacidade de adquirir máis simbiontes. Algúns organismos fagocitaron bacterias para a súa alimentación, pero estas bacterias sobreviviron á hidrólise e comezaron a producir ou a aproveitar substancias intracelulares, feito que puido ser beneficioso ou mortal para a célula hospedeira. Logo conxugáronse diferentes xenomas e producíronse transferencias de xenes. Deste xeito, os orgánulos das células eucariotas -undulipodios, mitocondrias e plástidos- orixináronse de simbiontes bacterianos.