Engels, Friedrich
Filósofo, xornalista, industrial, activista político e teórico do socialismo alemán. Fillo dun rico industrial, estudiou en Berlín, onde entrou en contacto co grupo dos máis novos hegelianos, colectivo que ao principio seguiu, sobre todo trala lectura de L. Feuerbach, pero que despois acabou abandonando e criticando. Desde 1839 colaborou en diversas revistas con artigos literarios e filosóficos. En 1842 trasladouse ao Reino Unido para dirixir a fábrica do seu pai en Manchester, onde entrou en contacto co cartismo. En 1844 coñeceu a Karl Marx, con quen iniciou unha estreita colaboración intelectual e política que se mantivo ata a morte deste en 1883. Entre 1845 e 1850 participou en movementos revolucionarios en Francia, Bélxica e Alemaña, onde tomou parte na Revolución de 1848 e loitou ao lado das milicias revolucionarias no Palatinado. Tralo fracaso do movemento revolucionario, regresou ao Reino Unido en 1850, onde continuou as súas colaboracións con Marx. Considérase o fundador da socioloxía do traballo, pois nas súas primeiras obras describiu as condicións de vida dos obreiros ingleses e explicou os problemas novos que xurdían no traballo nas fábricas. Ata 1890 foi considerado como o dirixente do socialismo alemán. Responsabilizouse do desenvolvemento do aspecto filosófico do marxismo, que concibía o materialismo na súa vertente dialéctica. Entendeu que a natureza se movía seguindo leis inexorables e fixas. No plano das teorías económicas, fronte á rixidez das formulacións de Marx, mantivo que as relacións entre a infraestrutura económica e a superestrutura ideolóxica podían ser nos dous sentidos, xa que as ideoloxías e as crenzas políticas e relixiosas podían alterar a realidade económica dunha sociedade. Entre as súas obras individuais destacan Die Lage der arbeninteder Klasse in England (A condición da clase obreira en Inglaterra, 1845), Dilalektik der Natur (Dialéctica da Natureza, 1873-1883), Herrn Eugen Dühring Umwälzung der Wissenschaften (A revolución da ciencia de Eugen Dühring, 1878), Die Entwicklung des Sozialismus von der Utopie zur Wissenschaft (Do socialismo utópico ao socialismo científico, 1880), Der Ursprung der Familie, des Privateigentums und des Staats (A orixe da familia, da propiedade privada e o Estado, 1884) e Ludwig Feuerbach uns das Ende der Klassischen deutschen Philosophie (Ludwig Feuerbach e o fin da filosofía alemá clásica, 1886). Entre as obras que realizou en colaboración con Marx sobresaen Die heilige Familie oder Kritik der kritischen Kritik (A sagrada familia ou Crítica da crítica crítica, 1844), Die deutsche Ideologie (A ideoloxía alemana, 1845) e Manifest der Kommunistischen Partei (O manifesto comunista, 1848). Foi editor das obras póstumas de Marx, entre as que destacan o segundo (1885) e o terceiro (1894) libro de Das Kapital, e secretario do comité central da Federación dos Comunistas de Bruxelas e membro da Internacional desde 1871.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Barmen -
Deceso
Lugar : Londres