Enrique VIII de Inglaterra
Rei de Inglaterra (1509-1547), señor e rei de Irlanda desde 1541, fillo de Enrique VII. O seu pai concertou o seu matrimonio con Catarina de Aragón, filla dos Reis Católicos e viúva do seu irmán Arturo. Durante as dúas primeiras décadas do seu reinado, aconsellado por Thomas Wolsey, favoreceu inicialmente a política do Emperador Carlos V contra Francia, pero despois da Batalla de Pavia (1525) aliouse con Francisco I de Francia. Escribiu Assertio septem sacramentorum adversus Martinum Lutherum, no que denunciou as ideas de Martín Lutero, e recibiu do papa o título de defensor da fe. A falta dun herdeiro home levouno en 1527 a solicitarlle a anulación do seu matrimonio con Catarina de Aragón ao Papa Clemente VII quen, baixo a presión de Carlos I, se negou a concederlle o divorcio. En 1531, aconsellado por Thomas Cromwell, proclamouse xefe supremo da Igrexa de Inglaterra. Este feito provocou a súa excomuñón da Igrexa romana (1533) e permitiulle o seu matrimonio con Ana Bolena. En 1535 o Parlamento votou a Lei de Supremacía que o confirmaba como xefe da nova Igrexa de Inglaterra, independente de Roma, pero que conservaba as características do catolicismo. En 1536 anexionou Gales e os seus representantes foron admitidos no Parlamento, en 1541 proclamouse rei de Irlanda e en 1543 derrotou a Xaime V de Escocia. Prototipo do príncipe do Renacemento, culto e humanista, revitalizou o comercio en Inglaterra coa venda dos bens eclesiásticos e monacais, e potenciou o densenvolvemento da Armada. Despois dos seus dous primeiros casamentos, dos que naceron as futuras raíñas María e Isabel, volveu casar con Xoana Seymour, nai do Rei Eduardo VI, con Ana de Clèves, con Catarina Howard e con Catarina Parr.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Greenwich -
Deceso
Lugar : Wetminster