Enríquez
Familia nobre castelá que ten a súa orixe no infante Fadrique (Sevilla 1331?-1358), fillo ilexítimo de Afonso XI de Castela con Leonor de Guzmán, nomeado mestre de Santiago en 1342. O seu fillo Afonso Enríquez (1354-1429) recibiu numerosos títulos, entre os que destaca a vinculación da súa familia ao cargo e título de almirante de Castela. O seu primoxénito Fadrique Enríquez y de Ayala (?-1473), conde de Melgar, casou a súa filla Xoana con Xoán II de Aragón (1458-1479), pais de Fernando o Católico. Tomou parte na revolta nobiliaria que depuxo a Enrique IV (Ávila, 1465) e apoiou o seu neto Fernando de Aragón e a Isabel de Castela. O seu neto Fadrique Enríquez y de Velasco (1477-1538), conde de Modica, foi nomeado en 1520, xuntamente co condestable Íñigo Fernández de Velasco, gobernador de Castela, asociado ao rexente cardeal de Utrech, e xogou un papel de moderador na revolta das Comunidades. Fernando Enríquez (?-1542) recibiu de Carlos I o título de duque de Medina de Rioseco. Luis Enríquez (?-1572) enlazou coa familia Cabrera, polo que os seus descendentes foron coñecidos como Enríquez de Cabrera. Juan Alfonso Enríquez de Cabrera y Colonna (?-Madrid 1647) destacou polo seu mecenado de artistas. A finais do s XVII a familia coñeceuse polo título de duques de Medina de Rioseco e, ao extinguirse a familia en 1741, pasou aos duques de Osuna.