Enríquez de Castro, Rodrigo

Enríquez de Castro, Rodrigo

Conde de Lemos e grande de España, fillo ilexítimo de Alonso Osorio de Castro e de Maior de Valcárcel. Documentado tamén como Rodrigo Enríquez Osorio, o seu avó Pedro Álvarez Osorio, primeiro conde de Lemos, conseguiu ser herdeiro lexítimo por medio dunha bula pontificia e por confirmación do Rei Enrique IV. Á morte do seu avó (1483), herdou o título de conde de Lemos, que incluía as terras de Sarria, Monforte, Triacastela e Castro Caldelas. Enfrontouse á súa irmá Xoana Osorio, que lle reclamaba o título condal, e tomou Ponferrada (1485), polo que os Reis Católicos enviaron tropas na súa contra. Nunha comparecencia ante os reis en Benavente, aceptou entregar Ponferrada   e someterse ao castigo real, que o condenou ao desterro e a sufragar as custas da guerra. En 1501 finalizou o seu exilio, concertou o casamento da súa filla Beatriz con Denís de Portugal, irmán do duque de Bragança, e recuperou as súas terras con todos os seus dereitos e rendas. En 1503, o Papa Alexandre VI outorgoulle unha bula para a edificación do convento de San Martiño de Padua en Monforte de Lemos. A morte da Raíña Isabel a Católica supuxo o empeoramento das relacións coa Coroa, polo que volveu ser desposuído das súas fortalezas. En 1520, o Rei Carlos I restituíulle de forma definitiva algunhas vilas e cotos. Está sepultado no panteón familiar do convento de San Martiño de Padua.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Monforte de Lemos

  • Deceso

    Lugar : Castro Caldelas