enterovirus
(< entero- + virus)
Nome xenérico que designa distintos tipos de virus, ás veces patóxenos, que teñen como característica común o hábitat e o lugar de replicación que é o tracto intestinal humano, onde son estables durante unha ou tres horas a un pH entre 3,0 e 5,0. Son virus de pequeno tamaño (20-30 nm) e unha única cadea de ARN, que presentan unha cápside proteica icosaédrica e non teñen envoltura. Con moita frecuencia producen infeccións asintomáticas, pero poden causar infeccións do sistema nervioso central (como a meninxite, a encefalite ou a poliomelite), do aparato dixestivo (como a pancreatite) e do respiratorio (como a pneumonía ou o arrefriado común); tamén se relacionan con malformacións conxénitas ou algunhas formas de diabete. O home é o único reservorio coñecido e a transmisión é fundamentalmente por contacto fecal ou oral e por vía respiratoria.