entomoloxía

entomoloxía

(< entomo- + -loxía)

s f [ZOOL]

Parte da bioloxía que estudia os insectos e outros grupos de artrópodos. A orixe desta ciencia débese a Aristóteles, que empregou por primeira vez o termo ἕ ντομον para referirse aos hexápodos -insectos en sentido estricto-, miriápodos e arácnidos. Durante moitos séculos, na Idade Antiga e Media, os seus textos constituíron a base fundamental do coñecemento destes invertebrados e a entomoloxía viuse reducida á reprodución e comentario dos textos do filósofo grego. Por outra parte, no s I, Plinio escribiu Etymologiarum libri XX, obra na que trata algunhas especies de insectos e Eliano, no s II, fai o propio na súa obra De Natura animalium. A entomoloxía moderna comezou coa edición de Insectorum sive minimorum animalium Theatrum, publicada en Londres en 1634, levada a termo por Thomas Moffett, pero que principiara na metade do s XVI Thomas Penny a partir do material inédito de Konrad Gesner e os esquemas de clasificación realizados por Edward Wotton; este último publicara en 1552 a obra De differentiis animalium libri cecem, en que incluía os insectos. Moffett morreu no 1604 sen ver impresa a súa obra, editada 30 anos máis tarde por Théodore Mayerne, onde se incluíron xilografías, descricións e comentarios sobre a historia natural dos insectos e outros invertebrados, froito da recompilación de obras xerais de zooloxía anteriores e de observacións dos autores. En 1603 publicouse De animalibus insectis libri VII, obra de Ulisse Aldrovandi e máis moderna. Aínda que comparte o estilo recompilatorio propio do Renacemento, tamén achegou observacións propias e algunhas diseccións. A obra conta con numerosas ilustracións xilográficas orixinais do mesmo Aldrovandi e constituíu unha das bases máis sólidas da entomoloxía moderna. En 1657, John Jonston publicou Historiae naturalis de insectis libri III, de serpentibus et draconibus libri II, que constitúe a última obra de estilo renacentista da zooloxía. A obra vén ser unha copia dos textos e figuras das obras de Aldrovandi e Moufet, aínda que se viu beneficiada por calcografías de boa calidade; adquiriu importancia na historia da entomoloxía como transmisora dos coñecementos do s XVI aos ss XVII e XVIII, e foi reeditada ata ben entrado o s XVIII. En 1662, 1667 e 1669 publicáronse os tres tomos da obra de Jan Goedart Metamorphosis naturalis, que consistía nuns gravados calcográficos sobre ciclos vitais de insectos, especialmente de lepidópteros, ademais dos comentarios e observacións sobre estes animais. En 1669, Marcello Malpighi publicou Dissertatio epistolica de Bombyce, obra na que reflectía os seus estudios sobre a anatomía do verme da seda. A finais do s XVII Jan Swammerdam establecía unha nova clasificación, baseada no tipo de metamorfose, na súa obra Biblia naturae, aparecida en Leiden en 1752. Francesco Redi, en 1668, en Esperienze intorno alla generazione degl’ insetti, relacionou por primeira vez os vermes da carne coas moscas, xa que ata ese momento existía o convencemento de que procedían da xeración espontánea. No s XVIII esta ciencia, como tantas outras, experimentou un gran desenvolvemento. Linneo, en Systema naturae, editada en 1735, incluíu os insectos nunha clase que dividía en sete ordes de coleópteros, hemípteros, neurópteros, lepidópteros, himenópteros, dípteros e ápteros, e dentro desta última orde incluía tamén os arácnidos, miriápodos e crustáceos. En 1713, Antonio Vallisnieri publicou Esperienze e osservazioni intorno all’ origine, sviluppi e costumi di varii insetti, na que trataba sobre a bioloxía dalgúns insectos non estudiados ata aquel momento. René Antoine Ferchault de Réaumur, en 1748, completou a edición de Mémoires pour servir à l’histoire des insectes, onde describiu costumes e comportamentos ao igual que De Geer nas súas Mémoires pour servir à l’histoire des insectes, que publicou entre 1752 e 1778. En 1775 Jan Fabricius propuxo unha nova clasificación en función dos aparatos bucais en Systema entomologiae. Antonio Olivier publicou entre 1789 e 1809 a Histoire naturelle des coleoptères. Pierre André Latreille en Latreille Genera crustaceorum et insectorum, publicada en 1806, separou por primeira vez os crustáceos dos insectos, aos que dividiu en doce ordes (miriápodos, tisanuros, parasitos, chupadores, coleópteros, ortópteros, hemípteros, neurópteros, himenópteros, lepidópteros, ripípteros e dípteros), ademais de establecer subordes e familias, co que sentou as bases das clasificacións actuais.