Entremés famoso sobre a pesca do río Miño
Co título completo de Entremés famoso en que se contiene la contienda que tubieron los labradores de la feligresía de Caldelas con los portogueces sobre la pesca del río Miño. Año de 167... Compuesto por el licenciado Gabriel Feyxó de Araújo. Año de 1671, trátase da primeira peza teatral conservada da literatura galega e a única mostra dramática dos Séculos Escuros. Composta por 433 versos e dividida en nove escenas, recrea as disputas que teñen lugar entre galegos e portugueses a causa da pesca con redes no río Miño, un conflito de base histórica protagonizado polo galego Gorgorio Roleiro, que defende as normas consuetudinarias da pesca no Miño baseándose en documentos antigos, e un fidalgo portugués que utiliza a forza para acadar o seu obxectivo. A obra comeza cos respectivos monólogos do portugués e do galego nos que ambos insultan ao bando contrario e expoñen as causas da liorta, que desemboca na morte dun portugués. Finalmente, debido ao temor que sente Roleiro ante a xustiza e o dos portugueses ante os galegos, fan as paces e celebran un baile. Destaca o dominio da versificación e a variedade e orixinalidade métrica: romances octosilábicos, redondillas, pareados hendecasílabos, silvas e unha combinación de redondillas e quintillas. Así mesmo, reflicte os costumes populares, a fala galega da zona ribeirá do Miño e a fala portuguesa. A peza conservouse na Biblioteca Nacional nun manuscrito non orixinal do s XVII que procede da Biblioteca Casa Ducal de Osuna, e no Institut del Teatre de Barcelona gárdase unha copia manuscrita do s XIX. En 1914 foi transcrita en parte por Salvador Cabeza de León, e a primeira edición data de 1953, da man de Fermín Bouza-Brey. Posteriormente, destacan as edicións de Manuel Ferreiro (1983), Henrique Rabunhal (1989) e Ramón Mariño (1997).